Nace Xornalistas Galegas para reivindicar o feminismo no xornalismo
A Facultade de Comunicación da USC acollerá esta tarde a posta de longo da entidade.
A Facultade de Comunicación da USC acollerá esta tarde a posta de longo da entidade.
Xornalistas Galegas
A asociación Xornalistas Galegas realizará este sábado a súa presentación pública na Facultade de Comunicación da USC, en Santiago de Compostela, nun acto no que explicarán as súas bases e reivindicarán unha "perspectiva feminista" do xornalismo.
Esta asociación, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación, nace co obxectivo de impulsar un xornalismo feminista que se vexa reflectido tanto na información que elaboran as mulleres desta profesión, como nas condicións nas que a levan a cabo.
Xornalistas Galegas está formada por mulleres xornalistas, fotoperiodistas, comunicadoras, formadoras, investigadoras, técnicas audiovisuais e demais produtoras de información que tentan conseguir "unha sociedade máis xusta e igualitaria na que non existan os estereotipos de xénero".
Durante o evento, a asociación contará coa presenza de Margarita Ledo, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC, xornalista, escritora e cineasta. Foi unha das impulsoras da Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela e a súa primeira decana, ademais de ser a primeira muller en recibir o premio Otero Pedrayo.
Tamén estarán acompañadas por Rosa Cobo, destacada teórica feminista, profesora de socioloxía de xénero na Universidade da Coruña e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da mesma universidade.
As integrantes do colectivo explicarán as actuacións realizadas ata o momento e as liñas de traballo e obxectivos que levará a cabo a asociación nos próximos meses. Posteriormente, mulleres destacadas en distintas profesións responderán á pregunta: Por que é necesario un xornalismo con perspectiva feminista? Finalmente, todos os asistentes estarán convidados a participar nun coloquio moderado pola xornalista Antía Díaz.
Escribe o teu comentario