Gómez Reino (Podemos): "Temos que construír unha marea e non un partido tradicional"


Galiciapress entrevista ao novo líder de Podemos Galicia minutos antes da primeira reunión directiva da nova etapa. Consciente da tensión que rodea a En Marea, Gómez Reino insiste en que Podemos non quere controlar a confluencia e mesmo aplaude o papel de Luís Villares. Agora ben, deixa claro que se necesita un cambio de modelo para acomodar aos municipalistas e aos partidos tradicionais. A súa posible candidatura á Xunta de Galicia, Alcoa, ENCE, un adianto electoral e as noticias de irregularidades nas primarias son algúns doutros temas desta conversación.


|


Galiciapress entrevista ao novo líder de Podemos Galicia minutos antes da primeira reunión directiva da nova etapa. Consciente da tensión que rodea a En Marea, Gómez Reino insiste en que Podemos non quere controlar a confluencia e mesmo aplaude o papel de Luís Villares. Agora ben, deixa claro que se necesita un cambio de modelo para acomodar aos municipalistas e aos partidos tradicionais. A súa posible candidatura á Xunta de Galicia, Alcoa, ENCE, un adianto electoral e as noticias de irregularidades nas primarias son algúns doutros temas desta conversación.



Gomezreinofalando


Vostede estrease hoxe como líder de Podemos Galicia. ¿Que cambios lle gustaría impulsar respecto á anterior etapa?

Temos que mirar cara adiante. O mandato que recibimos fala de unidade. Agora hai que falar do futuro e non do pasado. En primeiro lugar. temos que reforzar os círculos, que é o que estamos a facer dende o primeiro día que fun elixido, visitando un a un todos os círculos para reforzar as estruturas municipais. En segundo lugar, temos dous horizontes electorais. Temos que consolidar o cambio o ano que ven nas eleccións europeas e municipais. Ademais, construír unha maioría social non só para botar ao PP e a Feijóo da Xunta senón para construír unha forza de goberno capaz de transformar Galicia, dándolle un xiro de 180 graos á política deste país.


OK Diario publicou un acta das eleccións de Podemos Galicia na que fala de “irregularidades” porque din que figura que o proceso rematou 16 hora máis tarde da hora oficial prevista …

Descoñezo esa información, pero esa cuestión parece ser que ten que ver con un mecanismo antifraude, pasa sempre. Eu non sei os detalles técnicos.


Foi un problema técnico logo …

Nin sequera un problema. É un contador, que funciona dun xeito diferente, aínda que eu descoñezo os detalles técnicos.


A nivel interno, presentouse en Podemos Galicia algunha reclamación ao respecto?

Nada.


Tamén aseguran que Verónica Hermida non podería terse presentado dado que anunciou que deixaba Podemos Galicia …

Verónica presentase con absolutamente todas as garantías. Estatutariamente pode presentarse ao órgano ao que se presentou e ademais creo que vai ser unha persoa clave non só en Galicia senón en construír unha maioría de cambio na súa vila, Vilagarcía.


Sobre En Marea vostede acaba de declarar que cómpren cambios porque parécese demasiado a un partido tradicional. Que papel debe xogar Podemos Galicia nestes cambios?

O desafío é construír ferramentas diferentes. Non debemos dar respostas vellas ante preguntas vellas. O que creo demanda a sociedade non é un partido tradicional como En Marea senón unha marea. Unha marea quere dicir un espazo no que os partidos estean cómodos, no que a sociedade civil entre e estea activa e no que as mareas municipalistas -que son a nosa forza de goberno- estean a participar en primeira liña. Son os tres pasos que nalgunha forma están en proceso, pero temos que avanzar moito máis. Construír unha marea e  non un partido tradicional implica que os partidos estean aportando todo o seu capital político, simbólico e electoral. Significa que a sociedade civil teña vías de entradas máis claras, temos que agrandar o espazo do cambio. En terceiro lugar, as mareas municipalistas teñen que estar na punta do proceso electoral.


E iso implica, por exemplo, que en Vilagarcía, ou nas vilas nas que non goberna xa unha confluencia, debe figurar o nome de Podemos na papeleta electoral?

Iso xa o dixemos moitas veces. Iso non o decide nin eu nin a dirección de Podemos Galicia. Decídeno os inscritos e as inscritas. En Galicia votouse maioritariamente a favor de buscar alianzas, de reeditar os mecanismo de unidade popular; pero iso si, entenden os escritos de Podemos en Galicia que é importante que Podemos non só apoiar, senón que está implicado nesas alternativas populares.


Algún interpretan iso como un intento de Podemos de controlar as mareas …

En absoluto. O obxectivo é facer das mareas algo máis potente electoralmente. Podemos foi consciente do seu contexto e xeneroso en 2015 [malia o éxito nas europeas, Podemos renunciou a presentarse ás locais, apoiando as mareas pero sen que os seus militantes fosen candidatos]. Ninguén pode acusar a Podemos de patriotismo de partido. O que queremos é que haxa cambio político e as siglas de algunha forma son importantes en tanto en canto faciliten ese cambio.


Falemos do pasado plenario de En Marea. É evidente que a situación interna é convulsa. Villares chegou a líder de En Marea como unha persoa que, precisamente, podería previr tensións internas, ao non provir de ningún partido, nin de ningunha marea. Pasado o tempo, está claro que, polo que fora, o liderado de Villares non trouxo esa calma interna. Ante isto, ten futuro Luís Villares como líder de En Marea?

Luís está a facer un gran traballo como voceiro parlamentar de En Marea e iso non é unha cuestión menor. Sobre o papel de Villares ou de Gómez Reino ou de Xulio Ferreiro; depende dos inscritos, neste caso, dos escritos en En Marea. Todo proceso democrático san basease en que sexan as bases as que marquen o camiño. Luís está a facer un bo traballo e en todo caso estamos nun intre de reflexión colectiva para agrandar e facer máis forte a ferramenta, para gañar ao PPdeG en 2020.


Vostede di que sexan as bases as que decidan o camiño. Esas bases de En Marea teñen que votar unha dirección dentro de nada. A semana pasada xa saíron as primeiras informacións sobre contactos para montar unha lista alternativa á de Villares. Existen eses contactos? Vai participar Podemos Galicia nunha lista alternativa?

Agora mesmo, todos estamos en período de reflexión. En Podemos queremos facer unha ferramenta na que entre máis xente e os partidos e as mareas municipalistas se sintan cómodas. Polo tanto, Podemos Galicia está aberto a todas as propostas que vaian nese sentido. E niso imos a traballar nas vindeiras semanas. Agora mesmo estamos nun proceso de reflexión e diálogo con todos os actores políticos, e aí poñemos enriba da mesa aos partidos e as mareas municipalistas.


Como lle sentaron as palabras da súa compañeira Alexandra Fernández no plenario dicindo que o grupo nas Cortes está supeditado a Podemos?

Son lexítimas, hai que tomalas con normalidade democrática. Máis alá diso, podo dicir que o grupo parlamentario do Congreso como calquera grupo deste espazo toma as decisións colectivamente e polo tanto iso é que estamos a facer e o que faremos. Alexandra está facendo un traballo importante como o resto de compañeiros e seguro que imos seguir así.


De quen é culpa de que suba a AP9? Do PP, do PSOE, dos dous?

É culpa dun modelo que se foi consolidando pouco a pouco no que participaron PP e PSOE, que permitía que infraestruturas pagadas con cartos de todos foran xestionados non da mellor maneira por entidades privadas. Nas próximas semanas chegará ao Congreso un proxecto de Lei consensuado no Parlamento Galego. Aí esperamos que PP e PSOE voten o mesmo que en Galicia e que dunha vez por todas atendan á demanda da sociedade galega, que ten que ver con que haxa unha empresa que se lucra da xestión. A AP-9 é ademais unha infraestrutura clave para o desenvolvemento económico de Galicia.


Debe o Estado nacionalizar o intervir Alcoa para evitar que se produza unha parada técnica, que faría irrecuperable a factoría da Coruña?

Se nós estiveramos no Goberno non pasaría o que está a suceder. Un goberno ten que intervir sobre a política económica e laboral. Estamos a falar dunha empresa que a ninguén se lle olvide que actúa como un monopolio no Estado. Hai que sentar dunha vez por todas a Alcoa na mesa. Os traballadores están a facer propostas absolutamente razoables para unha empresa que é competitiva, as plantas de Avilés e A Coruña, pero especiamente a da Coruña. Si a empresa non pon unha vía lóxica para os traballadores e o goberno pois haberá que valorar aplicar el artículo 128.2 da Constitución.


Este luns a Xunta informou que prorrogaba a autorización ambiental de ENCE, deixando claro que a prórroga da concesión foi decisión do Estado. A concesión prorrogouna o goberno Rajoy pero agora en Galicia hai moitas voces que lle reclaman a Pedro Sánchez que tombe esa prórroga. É factible e desexable isto?

O primeiro desexable é que o PP non a prorrogase …


Si, pero unha vez que está prorrogada …

Ademais fixérono con un goberno en funcións. Hai que darlle unha saída á Ría de Pontevedra e a súa cidadanía. Evidentemente isto obriga a interver políticamente. Agora mesmo temos dúas barreiras máis, creadas polo PP, no Goberno do Estado e hoxe pola Xunta. A responsabilidade do Goberno do PSOE é atopar unha solución para que ENCE deixe de contaminar na Ría de Pontevedra. Hai que pensar no interese xeral polo tanto hai que facer coincider os intereses ambientais e económicos co interese xeral, que ten que ver con que unha empresa como ENCE non pode seguir a contaminar aí.


Podemos dixo este luns que ve “difícil” sumar outras forzas para sacar adiante os orzamentos que pactou co PSOE, tras as críticas dos nacionalistas cataláns ao fío das peticións de condenas aos seus líderes. Ante isto, ve próxima una convocatoria de eleccións a nivel estatal?

Hai que lamentar profundamente a postura da Fiscalía do Estado, que digamos escoita as posicións políticas do goberno cando fai a súa petición. Hai que lamentar todas as decisións que non vaian no sentido de buscar o diálogo e a distención en Cataluña. No noso punto de vista, nós fixemos un esforzo para lograr o preacordo para os orzamentos de 2019 e polo de agora aínda temos esperanzas de que saia adiante. Agora ben, a pelota está no tellado do PSOE e do Goberno, conseguir que os partidos cataláns entendan que hai unha proposta de distensión e diálogo para Cataluña. No caso contrario sería unha mágoa porque son os orzamentos máis progresitas e cunha axenda social máis grande dos últimos 40 anos.


Xa pero se non hai orzamentos, Podemos aposta por eleccións ou porque siga este goberno cos orzamentos do PP prorrogados?

Para nós a participación da xente sempre debe ser o fundamental. Se hai un bloqueo, a xente ten que opinar da situación política e nós o que temos é a responsabilidade de construír unha maioría que evita que a dereita volva a gobernar no Estado.


Volvendo a política galega, sabe que esta fin de semana Gonzalo Caballero xa foi proclamado candidato do PSOE a dous anos vista. Malia que estamos a dous anos deses comicios, como ve a posibilidade de que Gómez Reino se presente á presidencia da Xunta? Entra nos seus plans a medio plazo ou descártao?

Os meus plans agora son reforzar Podemos Galicia e construír unha ferramenta de garantía de cara a 2020. A iso imos dedicar todo o esforzo. A partir de aí, serán os militantes e os inscritos, non só en Podemos Galicia senón na ferramenta que construamos, os que decidan quen debe ser que vai desprazar do poder na Xunta a Feijóo. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE