Rafael Louzan revalida a presidencia entre a polémica
Louzán será proclamado presidente o próximo 10 de decembro, a pesar de verse envolvido nunha polémica por “suxerir” contidos ao programa ‘Galicia en Goles’.
Louzán será proclamado presidente o próximo 10 de decembro, a pesar de verse envolvido nunha polémica por “suxerir” contidos ao programa ‘Galicia en Goles’.
Votacións na sede da RFGF / Foto: RFGF
O ata agora presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, seguirá á fronte do organismo durante outros catro anos, despois de que a maioría de clubs membros se decantasen polos asemblearios afíns a Louzán nas eleccións á Asemblea Xeral. Os xogadores e adestradores tamén mostraron o seu apoio maioritario ao actual presidente, polo que a falta de que se resolvan as reclamacións efectuadas, Rafael Louzán revalidará virtualmente a presidencia da federación o próximo 10 de decembro, data na que os asemblearios nomeará ao novo presidente.
Así, Louzán impoñeríase sobre a lista de Gutavo Falqué, presidente do Coruxo que no seu día foi un dos principais impulsores da candidatura de Louzán. Despois de catro anos e de ostentar varios cargos na federación, o dirixente do Coruxo posicionouse en contra de Louzán para “devolver o fútbol á xente do fútbol”.
POLÉMICA
A reelección chega nun momento complicado para Louzán despois das informacións emitidas polo portal web 21noticias onde se fai eco de que o presidente da RFGF “suxería” contidos ao programa da CRTVG ‘Galicia en Goles’. Con isto buscaba dar visibilidade aos equipos que apoian ao presidente para afianzar o seu cargo e beneficiar aos clubs próximos a el.
Segundo o citado portal de noticias, Louzán propoñía ao programa entrevistar a presidentes afíns á súa candidatura, como o do Castro, e tamén relacionados co mundo da política galega, sobre todo tendo en conta o pasado político de Louzán. Así, o presidente da federación daría un trato de favor aos equipos que lle apoian fronte aos demais clubs, o que, de demostrarse, deixaría a Louzán nunha situación moi delicada fronte ao resto de equipos. Ademais, o 21noticias tamén acusa o dirixente da RFGF de falsear documentos e engordar o número de fichas federativas para lucrarse.
Escribe o teu comentario