Segue a loita no Parlamento Europeo contra a Mina de Touro-O Pino
A 'Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non’ mantén abertas diversas reclamacións ante o Comité de Peticións do Parlamento Europeo.
A asociación mantén abertas diversas reclamacións ante o Comité de Peticións do Parlamento Europeo.
Manifestación contra a mina de Touro
A ‘Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non’ pide que se restaure o emprazamento da antiga mina ao descuberto de Touro, activa entre 1973 e 1986. Esta petición está a ser tramitada pola Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, xunto con outras realizadas por parte da asociación. A plataforma apoia a súa solicitude en que a restauración está xustificada polos efectos adversos sobre o medio ambiente, prestando especial atención á posible contaminación do Río Ulla e da Ría de Arousa.
As outras peticións á Comisión, segundo o comunicado, están relacionadas coas características da empresa promotora, nos impactos do proxecto e na falta de información. “Cobre San Rafael S.L., matriz de Atalaia Mining, pretende extraer cobre dunha mina que ocuparía 689 hectáreas, das cales 429 son hoxe en día masa forestal e terreo agrario”, denuncia a plataforma.
“Entre os problemas específicos que expoñen as peticións están os impactos do proxecto extractivo na base territorial das explotacións agrarias beneficiarias da PAC, a desaparición de ata 20 mananciais de auga e as reserva que abastecen polo menos un centenar de vivendas e explotacións gandeiras”, aseguran no comunicado, onde enumeran as peticións realizadas pola plataforma con especial preocupación a un posible desastre ambiental que, de afectar á Ría de Arousa, “afectaría a miles de postos de traballo no sector marisqueiro e acuícola”.
Na nota da asociación tamén se fai eco do “malestar e alarma social” provocada pola creación e a zona de balas de estériles con diques “de 1.806 e 3.187 metros de lonxitude e alturas de 81 metros”. “En caso de fallar estes diques teriamos consecuencias moi altas en canto a perdas de vidas humana, danos no medio ambiente e perdas económicas”, alertan desde a plataforma, estendendo a preocupación aos dous depósitos de residuos estériles e catro vertedoiros.
AUMENTO DE DENUNCIAS
A nota tamén advirte que desde que viu a luz o proxecto de Cobre San Rafael presentáronse por veciños e organizacións ambientais máis de 1.500 alegacións ao proxecto no período de exposición pública que finalizou en 2017. “No último ano máis de 150 asociacións, 43 concellos, as deputacións da Coruña e Pontevedra, partidos políticos e sindicatos manifestáronse en contra deste proxecto”, celebran desde a plataforma contra o proxecto da mina, lembrando as manifestacións multitudinarias que se foron sucedendo nos últimos meses e as máis de 26.000 e 70.000 firmas entregadas á Xunta e que figuran na campaña de Change.org respectivamente.
Escribe o teu comentario