"É unha honra ter un equipo feminino e feminista"
Carolina Bescansa atende a Galicia Press en plena campaña por liderar Podemos Galicia nunhas primarias nas que se enfronta a Antón Gómez-Reino.
Carolina Bescansa Hernández (Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 1971), unha das fundadoras de Podemos, enfróntase agora a un dos maiores retos da súa carreira política: liderar Podemos Galicia. Co obxectivo de cambiar o modelo produtivo do seu país, Bescansa insiste en que a súa candidatura non é un ‘Plan B’, senón a oportunidade de acabar co caciquismo imperante en Galicia e ser a alternativa a toda a xente que pide un cambio con respecto a Feijóo. A dous días para que finalice a campaña, Besansa atende a GaliciaPress para falar de que plan debe seguir Podemos Galicia nas eleccións municipais, do legado de Carmen Santos, da confluencia con En Marea e dos cambios que proxecta na Galicia do futuro.
Carolina Bescansa durante a súa campaña
Debe Podemos presentarse coas súas propias siglas ás eleccións municipais naqueles concellos onde non hai gobernando unha marea?
Podemos debe presentarse nos concellos co programa máis forte para cambiar a vida das persoas, cun compromiso con rendas garantidas para as persoas con menos recursos, cun compromiso co problema da vivenda, cun compromiso nos problemas relativos á vida cultural dos barrios e os apoios ás nais e pais con nenos de 0 a 3 anos...Esas son as obrigacións de Podemos para as eleccións municipais. Formúlalas xurídicas ou o mecanismo de relación coas forzas aliadas debe ser segundario.
Que ten que dicir dos que dubidan da súa “galeguidade”?
Creo que este non é o debate. Creo que o debate ten que ser Galicia, porque todo o demais, e máis centrado en cousas de índole persoal, agora non ten sentido. É un momento no que o debate ten que virar nas políticas centradas en cambiar o modelo produtivo, en evitar a morte das zonas do interior e o despoboamento do rural galego, centrarse na transición enerxética...Neses aspectos ten que enfocarse Galicia e niso estamos enfocados en ‘#EuquerofuturoparaGalicia’.
Na súa lista figura Carmen Santos e moitos poden considerar que a súa candidatura é a liña continuista. Que legado deixa Carmen Santos en Podemos Galicia?
Eu pedinlle a Carmen que pechase a lista porque ela levou a dirección nuns momentos moi complicados, non só para Podemos Galicia, senón para Podemos a nivel nacional, e iso fala moito da súa capacidade de liderado e da súa importancia dentro da política do país. Agora Podemos Galicia está a piques de comezar unha nova etapa a partir do xoves 25 e levamos avanzado moitísimo con respecto ao ano 2014, coas súas zonas de luces e sombras. Creo que ás veces facemos un exceso de crítica sobre os erros cometidos no pasado e non somos capaces de valorar o traballo e a capacidade que tivo Podemos, e que segue tendo, de transformar o noso país. Se botamos a vista atrás, a Galicia de 2014 non se parece en nada á actual.
Carmen Santos no seu día deu por “fracasada” a confluencia con En Marea. Se sae elixida a súa postura é a de dar por terminada a confluencia?
Creo que se pode mellorar, sobre todo despois de escoitar as críticas Martiño Noriega e outros alcaldes de concellos do cambio fanme crer que teño moito que escoitar, que a nova dirección de Podemos Galicia terá que atender as valoracións dos nosos aliados e a partir desa escoita atenta e aberta tratar de buscar entre todos unha valoración que resulte positiva sempre para os intereses de Podemos.
Na súa campaña fixo moito fincapé en cambiar o modelo produtivo de Galicia para que os mozos non teñan que saír del país, algo que vostede viviu de primeira man. En que está a fallar a política para que se siga dando iso? Facía onde ten que camiñar Galicia entón?
O problema é o caciquismo e a corrupción, son as razóns pola que en Galicia non se fixo unha modificación do modelo produtivo desde o modelo que temos de competir polos prezos máis baixos tanto no ámbito das materias primas como no industrial, e non fixemos a transición por competir polas gamas altas que proporcionan un valor engadido. Son as institucións públicas, os concellos e a administración pública de la Xunta, historicamente gobernadas polo PP, que teñen impedido co caciquismo, o clientelismo e a corrupción a asignación dunha cultura do mérito e a capacidade no país. Moitas xeracións de galegos e galegas saben que aínda que obteña a formación, a titulación, a acreditación e teña un bo proxecto para xerar emprego e crear empresas cun maior volume engadido non terá o visto e prace sen o respaldo do partido gobernante, e iso é caciquismo e vai en contra da cultura do mérito e a capacidade, imprescindible para xerar un novo modelo produtivo.
Alcoa é un exemplo de que debemos mirar cara a un novo modelo produtivo?
Alcoa é un exemplo de como se estiveron facendo as cousas ata este momento en Galicia e como o modelo produtivo e a transición enerxética ten que ser o debate en Galicia.
Reflexiona moito sobre o caciquismo, o abandono do rural e a emigración dos mozos. Ten unha visión de Galicia que non dista moito da Galicia do S.XX…
Avanzamos en moitas cousas en Galicia, pero noutros aspectos seguimos ancorados no pasado. Todo iso pasa por acabar co caciquismo, coa corrupción das institucións e cambiar o modelo produtivo e de traballo.
No seu equipo os dez primeiros nomes son mulleres e no de Gómez-Reino 17 dos 25 tamén son mulleres. Cre que as mulleres xogarán un papel fundamental na política galega do futuro?
En Podemos as mulleres xa xogan un papel fundamental e no meu equipo é unha honra que os dez primeiros postos da miña lista estean ocupados por mulleres que están aí acreditadas pola súa cualificación profesional e a súa experiencia no político e social. Iso faias un elemento fundamental para construír un novo futuro para Galicia. É unha honra ter un equipo feminino e feminista, sobre todo por ter unha lista encabezada por dez mulleres, cousa que creo que é a primeira vez que ocorre en Podemos e neste país.
Poñamos que o día 25 sae vostede elixida. Tendería a man a Gómez-Reino e ao seu equipo?
Por suposto. O traballo da persoa que lidere Podemos Galicia debe ser integrar a todos para que Podemos Galicia sexa un partido forte. É traballo dos dous representantes, que deben colaborar, pero abrigo da persoa que lidere o proxecto.
Que horizonte ponse? A cadeira de brazos de Feijóo é demasiado ambicioso neste momento?
O horizonte é transformar as condicións de vida das grandes maiorías sociais do país. Gañar as eleccións é un paso intermedio para gañar o futuro. Gañar as eleccións é difícil, pero cambiar a vida diaria de millóns de persoas é aínda máis difícil e é aí onde temos que crear unha estrutura aberta, porosa, en contacto coa sociedade civil, coas universidades galegas, cos centros de I+D+i para que entre todos consigamos un futuro para Galicia e para todos nós. Para iso tamén é fundamental facer un chamamento a todos os inscritos de Podemos Galicia para que participen neste proceso de primarias, que acaba o mércores 25 ás 23:59 horas, que entren en participa.podemos.info e que escollan a candidatura que consideren mellor, no noso caso ‘Eu quero futuro para Galicia’. En todo caso sexamos como sempre un exemplo de participación democrática e de proceso de democratización das organizacións políticas.
Escribe o teu comentario