Máis de dous anos de cárcere a un médico por mirar o historial dun ex-compañeiro

|

Consultar en dúas ocasións o historial dun paciente a petición dunha empresa de riscos laborais. Isto custaralle a un galeno a entrada en prisión, se non propera o recurso ou o indulto que xa reclama.



Sergas


A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a dous anos e sete meses de prisión e a inhabilitación durante seis anos a un médico compostelán que consultou a historia clínica dun excompañero sen o seu consentimento.


Segundo a sentenza ditada pola sala compostelá, o home é culpable dun delito contra a intimidade, polo que deberá, ademais, indemnizar á vítima con 1.500 euros.


ACCEDEU DÚAS VECES

Os magistados consideran probado que o procesado accedeu os días 23 e 29 de xuño de 2011 á historia clínica electrónica da vítima "coa intención de coñecer o seu estado de saúde, en concreto, a existencia dun parte de baixa por incapacidade temporal laboral". A actuación produciuse "sen que existise razón asistencial algunha e sen consentimento nin coñecemento do afectado".


O condenado era excompañero da vítima nunha empresa de riscos laborais e, segundo contou durante o xuízo, accedeu á historia clínica para comprobar a existencia dun parte de baixa que o afectado presentara para non acudir a un xuízo. Na sentenza recóllese, así mesmo, que non hai constancia da existencia destas baixas.


POR "CURIOSIDADE"

O médico condenado contou no xuízo que levaba poucos meses traballando como facultativo nun PAC cando recibiu unha chamada dun antigo compañeiro que lle preguntaba se era posible que un médico dunha área diferente asinase unha baixa a unha traballador da área sanitaria de Santiago.


Por mor disto, o home dixo que entrou en dúas ocasións na historia clínica da súa excompañero para comprobar se efectivamente figuraba esta baixa como verdadeira por "curiosidade", xa que levaba "poucos meses" no posto e "tiña dúbidas" sobre se isto podía ser así.


O médico dixo que non foi formado sobre o uso do programa informático que dá acceso ás historias clínicas e que "non sabía que podía considerarse delito".


Con todo, o tribunal, na sentenza, asegura que "a crenza de que actuaba lícitamente non é asumible" e lembra que o condenado accedeu a estes "datos sensibles" e "especialmente protexidos" sen autorización do paciente e sen "responsabilidade asistencial" sobre el. Do mesmo xeito, apunta, o acceso non se realizou de forma "casual nin involuntaria", se non que foi "reiterada". Por iso, condénao por un delito contra a intimidade.


PIDE O INDULTO

Con todo, o tribunal solicita na sentenza ao Goberno a tramitación do indulto para o condenado, pois argumenta que os accesos sancionados producíronse en "datas afastadas, non constando que o prexudicado sufrise outra afectación que a referida ao delito cometido".


Os maxistrados tamén destacan no auto que a conduta axuizada "atópase no rango inferior do estándar de gravidade" que marca a lei neste tipo de casos, polo que instan a este trámite.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial
Powered by Bigpress