Debate do Estado da Autonomía: Feijóo opoñerá a súa xestión á de Sánchez e a oposición afearalle que pense en Madrid

|

Analizamos as claves do Debate máis importante do ano no Parlamento. O líder do PP probablemente anunciará algunha baixada de tributos para marcar distancia coas subidas anunciadas desde o Estado. A oposición reprocharalle a súa insistencia en meterse en debates estatais no canto de centrarse nun goberno que ven esgotado. 



O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitará o Debate sobre o Estado da Autonomía, para avanzar as liñas nas que traballará o Executivo autonómico co fin de "planificar a Galicia da próxima década", a que empeza co Xacobeo de 2021 e "está chamada a ser a mellor da historia" da autonomía.


Feijóo prepara a súa intervención no Debate sobre o Estado da Autonomía

Así o trasladaron a Europa Press fontes da Presidencia da Xunta, na véspera da xornada de arranque do debate de política xeral, o segundo do terceiro mandato de Feijóo á fronte da Xunta. O presidente prepara a súa intervención co seu equipo máis próximo e consultando aos conselleiros cando o require.

"O Ano Santo será a mellor estrea dunha década que empezamos a planificar na segunda metade desta lexislatura", aseveran desde a contorna do presidente galego, quen, ademais de facer un repaso dos "logros" realizados mediante "o cumprimento do plan estratéxico" de Galicia ata 2020, avanzará que en 2019 a Xunta remitirá ao Parlamento unha nova folla de ruta para "seguir planificando a Galicia do futuro".

Feijóo pretende trasladar que a Xunta "non traballa pensando nas eleccións, senón nas próximas xeracións" e, por iso, "planifica máis aló de 2020".

CONTRAPOSICIÓN CO GOBERNO DE SÁNCHEZ
Así mesmo, o xefe do Executivo, quen tamén anunciará novas medidas fiscais, prevé contrapoñer a "debilidade" do Goberno de Pedro Sánchez, que provoca que "a inmediatez condicione a axenda política" estatal, coa "estabilidade" do Goberno galego, que "pode planificar a longo prazo a Galicia que herdarán as próximas xeracións".

Trazará, deste xeito, as "liñas mestras" do seu proxecto para Galicia "seguindo o que fixo desde 2009", en relación a apostar por unha comunidade que "cre novas oportunidades, máis benestar, cun territorio mellor ordenado e preparada para a chegada do AVE", así como lista para acoller cada vez "a un maior número de turistas".

FEIJÓO ARRINCA O DEBATE
O Debate sobre o Estado da Autonomía arrincará este martes ás 10,00 horas co discurso do presidente galego, sen límite de tempo. Xa pola tarde, responderanlle os grupos da oposición.

O mércores presentaranse e negociarán as propostas de resolución dos grupos, que serán sometidas a votación o xoves.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial
Powered by Bigpress