O Celta cae ante o novo líder da liga

Os goles de Sarabia e Ben Yedder derrotaron a un Celta que suma cinco xornadas sen gañar. Boufal fixo o tanto celeste e Araujo foise expulsado cando o partido ía 1-0. 


|

Os goles de Sarabia e Ben Yedder derrotaron a un Celta que suma cinco xornadas sen gañar. Boufal fixo o tanto celeste e Araujo foise expulsado cando o partido ía 1-0. 


Lobotka Sevilla Celta

Lobotka pugna un balón. Fonte: RC Celta


Novo tropezo do RC Celta de Vigo, que acumula xa cinco xornadas sen gañar. A fortuna segue dándolle as costas aos raparigos do ‘Turco’ Mohamed e nesta ocasión foi o Sevilla o que sacou a relucir a súa tremenda pegada para sementar máis dúbidas nun equipo que non atina co que debería ser o seu once basee. Os goles de Sarabia na primeira parte e de Ben Yedder na segunda, xusto despois da discutida expulsión de Araujo por dobre amarela, dobregaron ao equipo celeste, que só puxo algo de emoción no partido cando Boufal recortou distancias a cinco minutos do noventa. Coa súa vitoria os andaluces son líderes de Primeira División.


Empezou ben o Celta, que saltou ao verde do Sánchez-Pizjuán co discutido esquema de cinco defensas. No primeiros vinte minutos creara ocasións e obrigara a Vaclik a intervir, especialmente nun bo disparo de Sisto desde a frontal. Pero co paso dos minutos foron os sevillistas os que empezaron a estirar o partido e a decantalo do seu favor, aínda que no que no apartado táctico refírese o encontro estivo bastante parello. Foi no minuto 39 cando Pablo Sarabia, un xogador que ben podería aparecer na lista de Luís Enrique polo seu extraordinario momento de forma, cabeceou á rede de SergioÁlvarez un telegrama en forma de centro de Jesús Navas, poñendo por diante aos locais.


Na segunda parte os celestes foron decididos a irse do feudo hispalense con premio, e Iago Aspas a punto estivo de obter o devandito premio se non chega a ser porque de novo o cérbero checo negoulle a oportunidade de festexar un tanto. Cando máis preto parecía estar o empate, chegou a expulsión de Araujo, que colleu o camiño das duchas antes de tempo despois de ver dúas amarelas en cuestión de dous minutos. Aínda por riba de desgrazas, Ben Yedder fixo o 2-0 nunha acción coral de todo o ataque sevillista, só dous minutos despois de quedar o Celta en inferioridade numérica.


O partido púxose costa arriba para os visitantes e o Sevilla deixouse ir. Boufal aproveitou a desconexión para facer unha cabalgada tremenda polo centro e deixar mudo ao estadio cun precioso disparo con efecto ao que non puido chegar Vaclik. Foi o 2-1 no minuto 85 e, aínda que o tentou o cadro olívico, o marcador non sufriría variacións. Non foi a mellor versión do Sevilla, pero se a versión dun líder que sabe gañar ata nos partidos nos que non demostra ser o mellor. Pola súa banda, o Celta queda na metade da táboa e afástase de Europa, aínda que o certo é que agora Toni Mohamed e os seus raparigos teñen cousas máis importantes nas que pensar que en poñer a mente nas competicións internacionais.


FICHA TÉCNICA

Sevilla CF: Vaclik; Carriço, Kjaer, Sergi Gómez; Navas, Sarabia, Banega (Mesa, min.90), Mudo Vázquez, Arana; Ben Yedder (Promes, min.79), André Silva.


RC Celta: Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia, Cabral, Araujo, Juncà (Júnior, min.83), Beltrán, Lobotka, Iago Aspas (Boufal, min.70), Maxi Gómez, Sisto (Dennis, min.46).


Goles: 1-0, min.39: Sarabia; 2-0, min-62: Ben Yedder; 2-1, min.85: Boufal.


Árbitro: González Fortes, do comité asturiano. Expulsou a Araujo don dobre amarela (min.59) e amoestou a Banega, Carriço, Arana yRoncaglia.


Campo: Sánchez Pizjuán, 38.060 espectadores.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE