Isto é o que cobra o teu alcalde e estes son os alcaldes que din non cobrar nada
O Ministerio de Política Territorial e Función Pública publicou esta semana as percepcións dos cargos da administración local. Os datos galegos traen algunhas sorpresas. Datos de todos os alcaldes no interior.
O Ministerio de Política Territorial e Función Pública publicou esta semana as percepcións dos cargos da administración local. Os datos dos soldos dos alcaldes galegos traen algunhas sorpresas (PDF).
Alcalde da Laracha
Así, aínda que o mellor pago -Abel Caballero de Vigo con 74.000 euros/ano- é o edil da cidade máis poboada, entre os máis beneficiados hai algúns alcaldes de vilas de tamaño medio.
POUCOS HABITANTES PERO MOITO SOLDO
Tal é o caso de Marín, A Estrada, Oleiros, Ribeira ou Arteixo. Todos eles cobran máis que os 51.000 euros/ano que percibe Martiño Noriega, o alcalde da capital de Galicia, Santiago de Compostela.
Da contorna rural, os concellos que mellor pagan asus alcaldes son A Laracha e Oza-Cesuras. Na Laracha José Manuel López (PP) leva uns 48.000 euros por gobernar un municipio duns 11.000 habitantes.
Oza-Cesuras é produto da fusión recente de dous municipios. Ao acordar a unión -co apoio de a Xunta- aprobouse que o alcalde cobraría 45.000 euros ao ano por ser cabeza dun municipio de 5.100 habitantes.
Os alcaldes poden traballar a tempo completo no municipio, o que se denomina dedicación exclusiva; a tempo parcial, chamada dedicación parcial; ou non cobrar un soldo, que figura na táboa do Ministerio co termo "sen dedicación". O status de cada un apróbao o pleno de cada concello e adoita ser un dos puntos máis difíciles das negociacións para formar goberno cando é necesario sumar os votos de varias formacións.
SEN SOLDO, PERO CON 22.000 EUROS EN DIETAS
En Galicia hai 61 alcaldes sen dedicación, é dicir non teñen un soldo fixo. Iso non quere dicir que non cobren nada. O truco está en non cobrar un soldo, pero siodietas, por exemplo, por asistir a plenos.
Por exemplo, o alcalde de Pantón -municipio lugués duns 2.500 habitantes- figura "sen dedicación" pero levántase 22.500 ao ano noutros conceptos.
OS QUE DIN NON COBRAR NIN UN EURO
E hai alcaldes que non cobren nin soldo nin dietas? Dos 314 concellos galegos, o Ministerio cita sete que non cobran nada. Un deles é o de As Pontes de García Rodríguez, pero o seu alcalde é tamén presidente da Deputación de A Coruña, onde ten unha dedicación exclusiva de 64.000 euros.
A Capela, Larouco, Maside, A Mezquita, San Cristovo de Cea e Valga tamén dixeron ao Ministerio que non pagaron nin un euro aos seus alcaldes en 2017. A presenza de Valga é soprendente e hai que collela con pinzas, xa que José María Bello Maneiro e os seus concelleiros foron imputados por, precisamente, cobrar de maneira irregular dietas.
Escribe o teu comentario