O fiscal ve posible prevaricación na cesión do Concello da Coruña a Proxecto Cárcere
A Fiscalía Provincial da Coruña presentou este luns, no Xulgado de Garda do partido xudicial, un escrito de denuncia instando a que se investigue, por presunto delito de prevaricación, a adxudicación por parte do goberno local coruñés da cesión do uso do antigo edificio da prisión provincial, segundo informa o Ministerio Público.
A Fiscalía Provincial da Coruña presentou este luns, no Xulgado de Garda do partido xudicial, un escrito de denuncia instando a que se investigue, por presunto delito de prevaricación, a adxudicación por parte do goberno local coruñés da cesión do uso do antigo edificio da prisión provincial, segundo informa o Ministerio Público.
Faio tras concluír as dilixencias de investigación que abriu o pasado mes de agosto, por mor dunha denuncia presentada polo PP despois da cesión do uso do cárcere á asociación Proxecto Cárcere, por resolución do 8 de setembro de 2017 "ditada pola concelleira de Participación do Concello coruñés", sinala a Fiscalía galega.
"POSIBILIDADE DE DELITO DE PREVARICACIÓN"
Para o Ministerio Público, "as circunstancias investigadas configuran a base indiciaria que permite presentar á instrución xudicial uns feitos dos que parece desprenderse a prevalencia do interese de ceder o uso do edificio á asociación Proxecto Cárcere por encima do cumprimento estrito da legalidade".
Por este motivo, o Ministerio Fiscal estima necesario "profundar na instrución pola vía xudicial ante a posibilidade dun delito de prevaricación".
DESCARTA OUTROS DELITOS
Con todo, descarta "a existencia de indicios dos delitos contra a administración de xustiza e de malversación que foran tamén obxecto da denuncia inicial", lembra sobre o escrito presentado polos populares.
A cesión da antiga prisión provincial produciuse despois de que o ano pasado o Concello herculino abrise o proceso para ceder usos de espazos nesta instalación co obxectivo de desenvolver proxectos de dinamización cultural e sociocultural.
O PP RECORREU E LOGO DENUNCIOU
Este paso deuse despois de que o Goberno central cedese, á súa vez, ao Concello coruñés durante dous anos, prorrogables, o uso do antigo cárcere.
Tras a adxudicación a 'Proxecto Cárcere' da cesión de uso de espazos, o PP levou o caso á Fiscalía por presuntas irregularidades. Con anterioridade, no Concello, non se estimou o recurso de reposición que presentou solicitando a anulación da adxudicación.
Escribe o teu comentario