O CIS apunta a unha subida do PSOE e de En Marea
O Barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de setembro trae boas noticias para as forzas de esquerda, mentres que Pablo Casado logra tamén un lixeiro repunte do PP.
En Marea aumenta a súa estimación de voto e sitúase no 1,1% para unhas eleccións xerais, segundo o último Barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de setembro.
Deste xeito, a formación rupturista volve situarse por encima do 1%, tras a caída producida en xuño, onde baixou ata o 0,7%. Con todo, segue por baixo do 1,3% co que contaba en abril deste ano.
O PSOE repite na cabeza nas enquisas do CIS, cunha estimación de voto do 30,5%, seis décimas por encima da anterior enquisa e sacando unha vantaxe de 9,7 puntos ao PP, que se estrea con Pablo Casado á fronte e apenas catro décimas por encima do dato tras a dimisión de Mariano Rajoy.
A terceira posición segue sendo para Cidadáns, cun respaldo calculado do 19,6%, oito décimas por baixo do seu dato de xullo, e a cuarta praza é para Unidos Podemos, que suma un 16,1% con todas as súas confluencias.
Pola súa banda, o Barómetro, que se coñeceu este martes, revela unha intención directa de voto do 0,6% para En Marea, o que supón unha décima máis que o 0,5% co que contaba no anterior. Esta formación converteuse en partido instrumental, aínda que nas xerais de 2016 presentouse como coalición de Podemos-Esquerda Unida e Anova.
Este 0,6% de intención directa de voto é o mesmo que existía en abril de 2018 para En Marea. Con todo, está por baixo do 1% que había en outubro de 2017.
Escribe o teu comentario