Tres homes entran nunha casa e atan a dous menores para desvalixar a vivenda en Sarria
A Garda Civil mantén activo un dispositivo de procura para tratar de localizar os tres homes que levaron unha gran cantidade de diñeiro, xoias e outros bens
A Garda Civil mantén activo un dispositivo de procura para tratar de localizar a tres homes que, supostamente, encerraron e ataron a dous menores nunha vivenda de Sarria (Lugo) para levar unha gran cantidade de diñeiro, xoias e outros bens.
Segundo as primeiras investigacións, os nenos, de 8 e 11 anos, atopábanse sós no interior da casa no momento en que se produciu o suceso e foi un deles o que abriu a porta aos ladróns, logo de que estes tocasen ao timbre. O roubo produciuse a plena luz do día, ao redor das 18,00 horas, nunha urbanización da rúa Pombal Lanuxe.
Nun primeiro momento, lvos nenos tiveron que recibir asistencia sanitaria polo nerviosismo que presentaban, aínda que non foi necesario o seu traslado ao centro de saúde, porque non sufriron feridas. Durante o atraco foron retidos e atados no interior da vivenda.
A alcaldesa de Sarria, Pilar López, indicou que o maior dos dous nenos foi capaz "de apuntar a matrícula e o modelo de vehículo" dos atracadores, o que permitiu á Garda Civil iniciar a procura en dirección Monforte de Lemos, cara a onde ao parecer fuxiron estas tres persoas.
A rexedora expresou a súa sorpresa ante o suceso, tanto pola hora na que ocorreu como pola localización da vivenda, rodeada doutros chalés. Indicou, ademais, que espera que "a valentía" dun dos menores, anotando o número da matrícula do coche, axude á localización dos ladróns.
Escribe o teu comentario