UGT carga contra o administrador de Sargadelos por facer "propostas á marxe da lei"

O mércores romperon as negociacións entre persoal e dirección, na mesma semana na que o Xulgado de Lugo desestimou a demanda de UGT de paralizar os 49 despedimentos anunciados pola empresa


|

Sargadelos 1

Segismundo García


A Federación de Industria, Construción e Agro de UGT rexeitou a actitude do administrador de Sargadelos, Segismundo García, na última reunión celebrada no Consello Galego de Relacións Laborais sobre a situación na fábrica de Cervo. 


"O único que prentedió foi que tanto UGT como a propia Xunta aceptasen propostas á marxe da lei, coa única intención de vulnerar os dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores de Sargadelos e, en especial, da delegada de UGT" Rogelia Mariña, afirma a sección sindical nun comunicado este xoves. Segundo o sindicato, desde fai máis dun ano hai unha "inquina" contra a representante por parte da dirección "chegando a ameazar co peche se a compañeira Rogelia segue na empresa". 


Poñen en dúbida a confianza na xerencia de un centro de traballo "con 262 requirimentos da Inspección de Traballo". "Neste caso entendemos que a Administración ten algo que dicir e actuar en consecuencia, ou só está para dar subvencións a empresas con este modelo de xestión cavernaria?", apuntan no escrito. 


"Alguén no seu san xuízo pode crer que o problemas de Sargadelos son orixinados por unha traballadora e delegada de UGT que o único que fai é traballar e defender ao resto das súas compañeiras e compañeiros?", pregúntase o sindicato. Lonxe de afirmalo, identifican o problema en Segismundo García, que ten como obxectivo, din, "facer do machismo, a vexación e os malos modos o modelo laboral encamiñado ao sometemento e opresión das traballadoras e traballadores". 


NEGOCIACIÓNS ROTAS

O comunicado de UGT prodúcese por mor de a ruptura de negociacións que se produciu este mércores entre a dirección e o persoal da empresa. A pesar do intento de mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, na reunión mantida en Santiago de Compostela non se chegou a un acordo. 


O venres 14 celébrase a asemblea de traballadoras e traballadores ás 15.00h que fora aprazada para votar sobre a revogación dunha sindicalista de UGT. 


DEMANDA DESESTIMADA

Tamén esta semana o sindicato lla levado un pau xudicial. O Xulgado do Social número 2 de Lugo desestimou este martes a adopción das medidas cautelares solicitadas por UGT ante o anuncio de 49 despedimentos da fábrica de Cervo. 


Solicitaban a paralización dos despedimentos ou cesamentos do persoal anunciados o pasado 17 de agosto, algo que a ollos do xuíz "non vulnera ningún dereito fundamental da liberdade sindical". Ademais, o xulgado tamén rexeitou a petición dunha orde de cesamento do "ataque directo ou indirecto" contra Rogelia Mariña. 


AMPLIACIÓN DO CAPITAL

Doutra banda, Segismundo García levou a cabo un aumento de capital o pasado 28 de agosto. Por un importe de 345.481 euros, a ampliación eleva a 1,5 millóns o capital da compañía


O motivo que alegou a empresa para a devandita ampliación foi a falta de liquidez, e produciuse 10 días despois do anuncio do despedimento de 49 persoas da fábrica. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE