Desestimada a petición de UXT de paralizar os case 50 despedimentos de Sargadelos en Cervo

O sindicato solicitaba a paralización dos despedimentos ou cesamentos dos traballadores anunciados por Sargadelos o pasado 17 de agosto


|

Foto aérea do complexo de Sargadelos en Cervo (Lugo)

Fábrica e Sargadelos de Cervo


O Xulgado do Social número 2 de Lugo desestimou a adopción das medidas cautelares solicitadas por UXT na demanda de reclamación sobre tutela de dereitos fundamentais contra Sargadelos, tras o anuncio realizado pola empresa da intención de despedir a medio centenar de traballadores, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).


O sindicato solicitaba a paralización dos despedimentos ou cesamentos dos traballadores anunciados por Sargadelos o pasado 17 de agosto. "O documento, sen firma algunha, que se di redactado polo codemandado, o único que expresa é a vontade de prescindir de 49 empregados, o que así exposto non vulnera ningún dereito fundamental da liberdade sindical, e iso independentemente de que de facerse efectiva tal medida poida ser obxecto do correspondente procedemento", argumenta o xuíz no auto.


O titular do Xulgado do Social tamén rexeitou a petición dunha orde de cesamento do "ataque directo ou indirecto" contra unha representante dos traballadores e a organización sindical UXT.


"Esta pretensión exercítase de forma tan abstracta e xenérica que, de ditarse, podería implicar incluso unha vulneración do dereito á liberdade de expresión", sinala o xuíz.


Sobre a demanda de paralización da recollida de firmas de persoal da empresa contra o sindicato supostamente promovida desde a dirección de Sargadelos, indica que o escrito presentado ante o xulgado reflicte "sen máis" a intención dos empregados de "revogar da súa representación á aquí codemandante", o que é "obvio que non pode ser impedido a través dunha medida cautelar, sen prexuízo de que de levarse a cabo finalmente a revogación poida ser anulada pola falta de requisitos contemplados na lei".


O auto tamén se pronuncia respecto da solicitude da demandante de deixar sen efecto a comunicación remitida á traballadora o 21 de agosto de 2018 pola que se lle concede un permiso retribuído. "Ningunha razón tería adoptar esta medida cautelar unha vez concedido o permiso, sen que, en todo caso, conste oposición ao mesmo por parte da traballadora, así como que na súa adopción ningunha urxencia existe para asegurar a efectividade da sentenza que no seu día se dite", asegura.


Contra o auto cabe presentar recurso de reposición ante o Xulgado do Social número 2 de Lugo no prazo de tres días desde a súa notificación.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE