352 persoas cegas incorpóranse ás aulas en Galicia
Segundo explica a ONCE o 99,6% do alumnado con problemas ou falta de visión escolarízase en centros educativos ordinarios
Dous alumos cegos aprenden con Braitico | Imaxe: ONCE
Un total de 352 persoas cegas ou con discapacidade visual grave regresan estes días ás aulas de Galicia xunto ao resto das súas compañeiras e compañeiros, coa novidade, segundo informa a ONCE, de que se atoparán con novas ferramentas inclusivas "que facilitarán a súa incorporación e aprendizaxe en igualdade de condicións" como o acceso á lectura a través de Braille e as tecnoloxías inclusivas.
Segundo explica a ONCE o 99,6% do alumnado con problemas ou falta de visión escolarízase en centros educativos ordinarios. Das 352 estudantes, 62 comezan a educación infantil, 79 inician ou continúan a educación primaria, mentres que 54 fano na educación secundaria obrigatoria. 16 persoas incorpóranse ao bacharelato, 18 á formación profesional, 47 á universidade e outras 76 están inscritas noutro tipo de ensinos.
Neste curso 2018/2019 o estudantado con discapacidade visual conta con novas ferramentas de aprendizaxe inclusivas como Braitico, "o primeiro método oficial para aprender braille" que favorece a estudantes cegas e cegos aprender a ler e escribir braille dunha forma "divertida, próxima e sinxela", segundo explica a ONCE.
Así mesmo, incorpórase neste curso o primeiro Editor Matemático Accesible EDICO, que permite converter "en tempo real a signografía matemática estándar en brille, de tal forma que calquera profesor pode ensinar a materia a un alumno con cegueira sen necesidade de coñecer este sistema de lectoescritura", informa a ONCE, que desenvolveu este sistema en colaboración coa Universidade Complutense de Madrid.
Escribe o teu comentario