A Xunta "invisibiliza" o "importante" papel da muller galega no monte no Plan Forestal de Galicia
Denuncian que a 1ª Revisión do Plan Forestal de Galicia "invisibiliza o importante dobre papel que a muller galega ten no monte, como propietaria e produtora forestal"
As asociacións Petón do Lobo, Cova Crea e Amigos e amigas dous bosques 'Ou Ouriol' do Anllóns veñen de denunciar que a 1ª Revisión do Plan Forestal de Galicia "invisibiliza o importante dobre papel que a muller galega ten no monte, como propietaria e produtora forestal".
Así o expresaron nun comunicado, onde acusan á Xunta de Galicia de esquecer a transversalidade en materia de igualdade de xénero na elaboración do plan, aprobado pola orde do 28 de xuño de 2018 e en proceso de exposición pública ata o 5 de outubro. As asociacións apuntan que, a pesar de que a propiedade do monte está en boa parte en mans de mulleres, a Xunta "non integra a dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento da política forestal e das accións que prevé desenvolver para o desenvolvemento do Plan Forestal".
As mulleres galegas, expoñen, teñen un papel "case invisible" como transformadoras na industria madeireira en Galicia, "pero si un papel destacado como produtoras, datos que se invisibilizan na documentación do Plan Forestal". Segundo apuntan, en parroquias da Costa da Morte, como Corcoesto, Cereo e Valenza, o 93% do monte está en mans de mulleres.
Para as asociacións, o documento que non ten en conta a integración da perspectiva de xénero "descoñece as eventuais repercusións que en cuestións de xénero" vai ter o plan.
Así as cousas, esixen á Secretaría Xeral de Igualdade e ás consellerías competentes que informen sobre os impactos que a primeira revisión supoñerá tanto "para o colectivo das mulleres como para o de homes", e que se adopten actuacións encamiñadas á consecución da igualdade neste sector económico "clave para a economía galega".
Escribe o teu comentario