O Museo Etnolóxico de Ribadavia pasa "a mans privadas" despois dun investimento público de 1,36 millóns
"A execución do proxecto expositivo e de musealización custou case 420.000 euros, mentres que o conxunto do proxecto ascendeu a 1,36 millóns"
Patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia | Imaxe: Santi Amil, Museo Etnolóxico
Comisións Obreiras (CC.OO) denucia privatización do Museo Etnolóxico de Ribadavia tras unha investimento de 1,36 millóns de diñeiro público no acondicionamento do espazo museístico, segundo informou este luns nun comunicado.
"A execución do proxecto expositivo e de musealización custou case 420.000 euros, mentres que o conxunto do proxecto ascendeu a 1,36 millóns", explica o sindicato. A pesar diso, continúan, a Consellería de Cultura ten en trámite a concesión do servizo de atención ao público e control das instalacións, por un importe de pouco máis de 74.000 euros. "Entrégase unha vez máis ao beneficio privado a xestión dun servizo público, pagado con diñeiro de toda a cidadanía", lamenta CC.OO.
Así as cousas, para a organización sindical o museo situado na antiga reitoral de Santo Andrés de Campo Redondo é "un exemplo máis do afán privatizador con carácter depredador" do PP.
"NEFASTA XESTIÓN DE INFRAESTRUTURAS CULTURAIS"
O sindicato critica tamén a "nefasta xestión" en materia de infraestruturas culturais na provincia de Ourense. Sinalan como exemplo o Museo Arqueolóxico de Ourense, pechado desde hai 17 anos; a Biblioteca Pública e o Arquivo Histórico Provincial, que "levan máis de doce anos de espera para trasladarse definitivamente ás instalacións en San Francisco.
Apuntan tamén á xestión da Consellería en materia laboral, xa que, segundo explican, todos os centros tiveron carencias e ausencia de persoal ao non cubrir "nin vacantes nin substitucións".
Escribe o teu comentario