Activo un incendio forestal en Quiroga e extinguido o de Monterrei
A Consellería do Medio Rural informou de que se atopa activo un incendio forestal na localidade de Quiroga, na provincia de Lugo, que afecta a unha superficie próxima ás 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións.
O incendio iniciouse na parroquia de Outeiro, ao redor das 17,31 horas deste domingo, e parece que a causa, segundo indica Medio Rural, foi un raio.
Nas tarefas de extinción do lume mobilizáronse 1 técnico, 8 axentes, 32 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 4 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Ademais, a Xunta sinala que a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta dispoñible na rede Twitter, @incendios085.
EXTINGUIDO EN MONTERREI
Por outra banda, ás 20,30 horas deste domingo deuse por extinguido o incendio forestal rexistrado no Concello de Monterrei, na parroquia de Vilaza (Ourense).
Segundo as últimas estimacións achegadas pola Consellería o lume afectou a 126 hectáreas, das que 113,55 son de monte raso e o resto de arboledo. O lume iniciouse o pasado mércores, ao redor das seis da tarde.
Escribe o teu comentario