O 061 nega que as súas ambulancias supoñan un perigo, como afirma un informe policial
O SERGAS sae ao paso do informe da Policía Xudicial que detectou sobrepeso e outras faltas nas ambulancias de urxencias. O informe forma parte dunha investigación polo suposto amaño do concurso a favor de Ambuibérica e outras empresas, acusación que a Xunta rexeita.
O SERGAS sae ao paso do informe da Policía Xudicial que detectou sobrepeso e outras faltas nas ambulancias de urxencias. O informe forma parte dunha investigación polo suposto amaño do concurso a favor de Ambuibérica e outras empresas, acusación que a Xunta rexeita.
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 defende que as súas ambulancias contan "cun informe pericial de conformidade normativa" realizado por un perito "independente e imparcial" que garante a "seguridade" destes vehículos.
A través dun comunicado emitido este sábado, o servizo sanitario responde así as críticas dos grupos parlamentarios de En Marea e PSdeG, que este venres presentaron diversas iniciativas parlamentarias nas que tacharon de "especial gravidade" que o transporte sanitario circule "incumprindo a normativa".
En relación con iso e cunha causa xudicial que mantén aberta o Xulgado Número 2 de Santiago para determinar se houbo prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias no concurso deste servizo no ano 2014, o 061 manifesta que o procedemento se realizou "en conformidade" á Lei de Contratos do Sector Público e ao establecido no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares.
Ademais, segundo prosegue o servizo sanitario, ata once recursos presentados por este motivo ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais (TACRC) foron resolvidos de forma favorable para a Fundación Pública Urxencias Sanitarias. "O TACRC confirmou que se garantían os principios de igualdade, libre concorrencia e non discriminación baseándose nos requisitos esixidos nos pregos", expresa o 061.
Escribe o teu comentario