Alerta amarela en varias comarcas galegas pola calor
As provincias galegas de Ourense e Pontevedra, ademais de Córdoba, Badaxoz estarán en risco amarelo este sábado, día 1 de setembro, por altas temperaturas que poderán alcanzar os 38 graos. Ademais, segundo a predición da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Cádiz permanecerá en aviso amarelo por ondas.
Ademais de deixar estabilidade, este sábado as altas presións achegarán durante esta xornada aire cálido desde o sur de Galicia. Deste xeito esperamos un día de ceo pouco nubrado ou despexado en toda a Comunidade. As temperaturas ascenderán, tanto as mínimas como as máximas con sensación de calor pola tarde. Os ventos soprarán do nordés moderados na metade norte, sendo máis frouxos no sur, con réxime de brisas nas Rías Baixas.
Este sábado espéranse ceos nubrados en Cataluña con chuvascos, que poderían ir acompañados de tormentas ocasionais, mais probables na súa metade norte. Con menor probabilidade, poden producirse tamén nas serras turolenses, onde poderían ser puntualmente fortes e precipitar saraiba.
Ademais, a AEMET non descarta algún chuvasco ocasional no norte da Comunidade Valenciana e en Baleares e unha pequena probabilidade dalgunha choiva ou orballo na área do Estreito e en Melilla. No resto da Península e en Canarias haberá tempo estable, aínda que no interior peninsular desenvolveranse nubes de evolución diúrna, sen precipitacións. No sueste peninsular e no litoral norte espéranse bancos de néboa.
Doutra banda, as temperaturas irán en ascenso no noroeste peninsular e sen cambios no resto da Península. Por último, prevese réxime de ventos de compoñente leste, con levante forte no Estreito e réxime de alisios en Canarias.
Escribe o teu comentario