Chegou a tempada de colleita do lúpulo
Quedarán por diante dúas semanas de intenso traballo na recolección da flor desta planta trepadora de longa tradición na zona de Betanzos
Esta semana comezou a colleita do lúpulo en Galicia cunha serie de novidades froito da investigación levada a cabo no últimos anos sobre esta planta trepadora por parte do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en colaboración con Corporación Fillos de Rivera e a cooperativa Lutega.
Segundo informa a Corporación Fillos de Rivera, por primeira vez cultívase lúpulo da variedade Centennial, "que ofreceu resultados interesantes na súa evolución". Ademais, por segundo ano consecutivo, levouse a cabo un estudo a diferentes alturas das plantas de Perle e un estudo sobre materiais biodegradables para rúbelas das plantas de lúpulo.
A compañía cervexeira subliña que "co inicio da colleita, quedarán por diante dúas semanas de intenso traballo na recolección da flor desta planta trepadora de longa tradición na zona de Betanzos e moi coñecida por ser un dos principais ingredientes da cervexa, responsable do seu sabor e aroma".
A iniciativa de recuperar o cultivo do lúpulo xurdiu no ano 2004 co obxectivo de elaborar unha cervexa especial no ano do Centenario de Estrela Galicia. O proxecto conta nestes momentos con máis de 15 hectáreas de cultivo. Corporación Fillos de Rivera, a través de Cultiva de Galicia, achega ao redor de 9 hectáreas propias.
Escribe o teu comentario