A deriva da fábrica de Sargadelos de Cervo

Rogelia Mariña, representante de UGT en Sargadelos, foi despedida, segundo o sindicato, por negarse a facer media hora extra "voluntaria" sen remuneración despois de que unha compañeira fose sancionada por non facela


|

Sargadelosferrol


Hai unha semana o conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, anunciou o despedimento de 49 empregadas e empregados da fábrica de Cervo, en Lugo, e ameazou co peche da planta. 


Nestes sete días, organismos e administracións como a Deputación de Lugo, a Mancomunidade de Municipios da Mariña ou o BNG instaron á Xunta de Galicia a que medie para evitar despedimentos e a desaparición da planta de Cervo. 


No mesmo período de tempo,  UGT denunciou "coaccións" en Sargadelos. A organización sindical afirmou que García "condicionou o deixar sen efecto os despedimentos efectuados e o non realizar ningún máis a que o persoal da empresa firme un documento, por el elaborado, onde se esixe a dimisión" dunha sindicalista de UGT.


Ante a situación que está a vivir na fábrica o sindicato nega as acusacións da dirección de que UGT e o seu representante na empresa, Rogelia Mariña, interpuxeron unha demanda contra a empresa e a súa dirección. "As acusacións que se están vertiendo contra Rogelia Mariña carecen de todo fundamento, xa que nunca tomou unha iniciativa sindical sen antes consultalo co conxunto das traballadoras e traballadores", explica a organización nun comunicado. 


Así as cousas, UGT explica que o conflito coa representante remóntase a 2016, cando o administrador de Sargadelos "impón unilateralmente traballar media hora diaria máis sen remuneración, e nese debate decídese que será voluntario". O sindicato expón que Mariña aceptou traballar esa media hora a maiores, pero que cando unha traballadora é "sancionada e castigada" por non facela, Rogelia Mariña deixa de facela. Tras presentar unha demanda e gañala "empeza a inquina contra ela por parte do Administrador, chegando a ameazar co peche da empresa se a compañeira Rogelia segue na empresa". 


ERE NULO

Sargadelos entrou de forma voluntaria en 2014 en concurso de acredores do que saíu en 2016. Este ano, o Tribunal Supremo ratificou que o ERE realizado pola empresa en 2010 e varios despedimentos realizados entón foron nulos, despois de non aceptar un recurso de casación presentado pola empresa despois de senllas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do xulgado do contencioso administrativo de Lugo.


XULGADO DE LUGO 

A pesar de que a delegada sindical Rogelia Mariña non denunciase á dirección e a empresa, o sindicato UGT si presentou unha demanda ante o xulgado do social número dous de Lugo polos despedimentos.


O responsable xurídico do sindicato en Galicia, Pedro Branco, recoñece que hai demoras de ata dous anos de señalamiento nos xulgados do social de Lugo, pero explicou que o sindicato pediu que se instrúan "dilixencias inmediatas", entre elas a "paralización dos despedimentos".


"SARGADELOS ÍA MOI BEN"

Pola súa banda, o administrador único, Segismundo García, asegurou que tomou a decisión de prescindir dos 49 novos empregados para que "ninguén senta explotado", e defendeu que ampáralle " o sentido común" e "as ganas de sacar a estas empresas adiante".


En asemblea co persoal o pasado venres, García quixo lembrar que a empresa pagou "máis dun millón de euros por demandas sindicais derivadas dun ERE do ano 2010", que sostén que foi "xusto e necesario para a pervivencia da compañía", e fixo referencia ao futuro da compañía.

En todo caso, Segismundo García incidiu en que baixo a súa dirección Sargadelos "ía moi ben, incrementando vendas, pagando as súas débedas anteriores e aumentando persoal".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE