A Deputación de Lugo "recupera" a residencia que Suplusa se negou a entregar
O vicepresidente lembrou que a Deputación de Lugo ordenou a Suplusa, a través de 3 requirimentos, a entrega das chaves da residencia da Fonsagrada
O vicepresidente da Deputación de Lugo e alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, informou este martes de que o organismo provincial recuperou "" a residencia e centro de día desta localidade, despois de que a Sociedade Urbanística Provincial -Suplusa- "desobedecese as ordes de entregar as chaves" deste centro de atención a maiores á administración que ten a propiedade do edificio, unha cuestión pola que a Deputación analiza posibles accións legais.
Fernández Queipo explicou que a Unidade de Mantemento da Deputación, en cumprimento dun decreto pechado o día 14 de agosto de 2018, procedeu ao cambio das chaves do edificio da residencia, xa que "os servizos responsables da rede de residencias necesitan acceder aos inmobles para comprobar a situación actual e iniciar os trámites para a apertura dos centros".
Esta decisión tomouse, "en estrito cumprimento da legalidade", despois do "paripé montado" polo deputado non adscrito Manuel Martínez que, acompañado de catro deputados provinciais do PP, así como do presidente local do Partido Popular, "achegáronse ao municipio fonsagradino a sacarse unha foto e a pasearse por unha residencia que non é da súa titularidade e finxindo unha entrega de chaves a quen non ten a súa propiedade, desobedecendo, de novo, as ordes administrativas da Deputación", dixo Fernández Queipo.
O vicepresidente lembrou que a Deputación de Lugo ordenou a Suplusa, a través de 3 requirimentos, a entrega das chaves da residencia da Fonsagrada, xa que é a administración provincial quen ten a titularidade tanto do edificio como dos terreos, que foron cedidos oficialmente polo concello ao organismo provincial.
Escribe o teu comentario