Unha moza é detida con 55 envoltorios de cocaína no seu corpo tras unha aterraxe de emerxencia
A apresada viaxaba nun voo desde República Dominicana ata Milán que tivo que realizar unha aterraxe de emerxencia no aeroporto de Lavacolla
A Policía Nacional detivo a unha moza de 23 anos á que se lle incautaron 55 envoltorios de cocaína. A apresada viaxaba nun voo desde o seu país de orixe ata Milán que tivo que realizar unha aterraxe de emerxencia no aeroporto de Lavacolla, en Santiago.
Segundo informou a Policía Nacional nun comunicado, a muller tivo que ser evacuada en ambulancia ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), xa que se atopaba inconsciente e non reaccionaba ás instrucións da tripulación do avión.
Unha vez no hospital, e tras efectuarlle as probas médicas, unha radiografía desvelou que a moza aloxaba obxectos estraños no interior do seu organismo, polo que foi intervida cirurxicamente de forma urxente.
Tras comprobar o persoal médico de que se trataba de 55 envoltorios e varios anacos dunha substancia estupefaciente -ao parecer cocaína-, quedou ingresada en observación e custodiada por axentes da Policía Local de Santiago.
Así, os axentes desprazados ata o lugar comprobaron que a posteriormente detida portaba tres envoltorios máis de similares características entre as súas pertenzas. Feitas as oportunas comprobacións, deron como resultado positivo a cocaína, que superaba en total os 800 gramos de peso.
Tras a evolución favorable da nova, os axentes procederon á súa detención e foi posta a disposición do Xulgado de Instrución de garda, que ordenou o seu ingreso en prisión.
Escribe o teu comentario