En Marea pide que a Xunta atenda ás reivindicacións de axentes forestais e retire a súa "proposta miserable"
"A Xunta segue ignorando as demandas deste colectivo deixando pasar os días, mentres estamos na campaña de alto risco de incendios forestais, e o conflito continúa sen resolverse"
Este martes o deputado de En Marea, Davide Rodríguez, recibiu a representantes sindicais dos axentes forestais e ambientais en folga para denunciar a "intolerable situación na que ven obrigados a traballar". Na rolda de prensa, o deputado remarcou as "xustas reivindicacións" do sector, que afectan "non só ás súas condicións laborais, senón tamén á calidade e seguridade do propio servizo".
Así as cousas, Rodríguez cualificou de "proposta miserable" o acordo que propón o Goberno autonómico, que pretende "que traballen durante seis meses en quendas de 12 horas", facendo así 2.000 horas anuais. "Todo sen ningún tipo de redución horaria nin compensación adicional", engadiu.
"A Xunta segue ignorando as demandas deste colectivo deixando pasar os días, mentres estamos na campaña de alto risco de incendios forestais, e o conflito continúa sen resolverse", declarou o deputado, que aproveitou o encontro para instar á Administración para atender as peticións das e os profesionais.
Entre elas, piden estudar a distribución e o cadro horario, fixando as gardas de día nun máximo de 10 horas e as de noite en 8 horas. Outra reivindicación é a de engadir a subida do complemento específico en base a penosidad, toxicidade, turnicidad, nocturnidade e especial responsabilidade do persoal. Así mesmo, queren negociar as condicións de traballo coas organizacións sindicais, habilitar un perfil oficial nas redes sociais e un teléfono de atención para denuncias ambientais, e facer unha campaña divulgativa sobre o labor de axentes forestais e ambientais.
"O futuro dos nosos montes está nesta xente, nos funcionarios da Xunta que defenden e coñecen a terra, o monte en todo o seu conxunto e aos que a Xunta de Galicia e as consellerías correspondentes néganlles medios para actuar na orixe do problema", sentenciou Rodríguez.
Escribe o teu comentario