O decano de Medicina nega a falta de medios e apunta a "problema organizativo" na sanidade pública

Suxire "cambiar o modelo de asistencia" e descarta que haxa carencia de médicos en España: "Non é certo que falten, sobran"

|


Julian alvarez decano medicina evaneira

Julián Álvarez no seu despacho | Imaxe: Eva Neira Carballo


O decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Julián Álvarez Escudeiro, descartou que a sanidade pública teña unha carencia de médicos, á vez que apuntou a un "problema máis organizativo e de formación de especialistas", algo que, asegura, "depende do Ministerio de Sanidade" e non da formación impartida.

Así o manifestou durante unha roda de prense da Asociación de Médicos de Galicia (Asomega) este martes, na que asegurou que "non é certo que falten médicos", senón que estes profesionais "sobran" e "o que faltan son especialidades puntuais en momentos puntuais" como, segundo ejemplifica, pediatras na atención primaria.

"(As universidades) sacamos entre 7.000 e 7.500 médicos ao ano en España e hai 6.000 prazas MIR de especialización, polo que hai 1.000 e pico médicos que non se forman. Serán graduados en Medicina, pero non poderán exercer e iso é unha traxedia", manifestou Álvarez Escudeiro, incidindo en que a cuestión está nesta "organización" porque, insiste, "ningún médico sobra".

Ademais, o decano da Facultade de Medicina da USC suxeriu que "hai que cambiar o modelo de asistencia" porque "non se pode ter un cirurxián ou un anestesiólogo que estean oito meses na súa casa para que saian no verán".

Así mesmo, Álvarez Escudeiro reivindicou que o apoio do Servizo Galego de Saúde (Sergas) a a formación de novos profesionais "é algo máis que excelente nestes momentos". Neste sentido, afirmou que a Consellería de Sanidade "está absolutamente envorcada" coas facultades de Medicina, Farmacia e Enfermería".

PLANIFICACIÓN DE XUBILACIÓNS
Pola súa banda, a vicepresidenta de Asomega, Inmaculada Ramos, lamentou que "un dos maiores fallos" da sanidade pública en España é "a planificación" en materias como a xubilación: "Hai moitas persoas que se van a xubilar, iso sábese e habería que facer unha replanificación".

De igual modo, unha das asistentes, que se identificou como pediatra, criticou que "nos últimos anos, aínda que se forman moitos" destes profesionais, "os nenos do mundo rural volven estar tan desatendidos como nos anos 50 e 60".

E é que, ao seu modo de ver, o problema está en "a forma na que se distribúen" polo territorio, algo que ve como un "drama porque a atención pediátrica pódese converter, como en Gran Bretaña, nun segundo paso tras o médico de cabeceira".

ATOPO DE MÉDICOS GALEGOS EN 2019
Noutra orde de cousas, o presidente da Asociación de Médicos de Galicia, Xullo Ancochea, anunciou que entre o 19 e o 21 de setembro de 2019, Santiago acollerá un encontro internacional de médicos galegos, "porque Asomega internacional é xa unha realidade e vai seguir crecendo".

Ademais, proclamou que o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, recibirá este ano a medalla de ouro da institución.

Así mesmo, Xullo Ancochea adiantou que convocarán a XXI edición do Premio Nóvoa Santos, co que galardoarán a unha "personalidade relevante galega ou vinculada con Galicia cuxa labor tivese unha importante repercusión internacional".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE