Novos horarios para as terrazas de Pontevedra
A Concellería de Promoción da Cidade de Pontevedra, de común acordo coa Federación de Veciños Castelao, o Centro Comercial Urbano Zona Monumental e a Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, acordou a ampliación do horario de terrazas durante este verán.
Segundo informou o pasado venres en rolda de prensa a concelleira Anabel Gulías, a decisión acordouse o pasado 23 de xullo ao amparo da modificación da Ordenanza de veladores, outorgándose media hora máis de luns a xoves, e ata as 02,30 horas de venres a domingo, e festivos.
A anterior ordenanza de veladores de 1997 contemplaba tres tipos de horarios en función da licenza da que dispuxese o local, pero a modificación aprobada o pasado mes de marzo permitiu unificar o horario para todos os establecementos e amplialo ata as 01,30 horas, todos os días do ano.
A concelleira de Promoción da Cidade explicou que o sector non está a ter un verán moi bo, polo que despois de manter conversacións cos hostaleiros e veciños, acordouse ampliar este horario durante o verán --esta ampliación finalizará o 2 de setembro--.
Anabel Gulías agradeceu o consenso conseguido neste punto, especialmente aos veciños que se mostraron dispostos a estudar de fronte ao próximo ano unha ampliación, mesmo maior, da agora acordada.
A edil nacionalista sinalou que esta opción de ampliar o horario de veladores prodúcese porque a maioría dos hostaleiros están a cumprir a nova normativa no relativo aos toldos laterais e ás lousas informativas na rúa, especialmente, no centro histórico, pero tamén no resto da cidade onde xa se están facendo inspeccións.
Escribe o teu comentario