Polo dereito a ver un cinema na propia lingua

Na véspera do Día da Patria tivo lugar a presentación do Manifesto "O Cinema Heroico Galego", respaldado por máis de 150 personalidades da cultura galega e impulsado pola Mesa Pola Normalización Lingüística


|

Manifesto cinema galego

Presentación O Cinema Heroico Galego | Imaxe: Eva Neira Carballo


O discurso do Alba de Gloria de Castelao fai un percorrido pola historia de Galicia e por autoras que inmortalizar a nosa historia. Hoxe, no século XXI, "é imposible inmortalizar a nosa historia" sen o cinema. Así introduce o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras, o Manifesto 'O Cinema Heroico Galego', un documento que quere que a cinematografía do país medre e amose "toda a súa grandeza".


"Temos un cinema galego que fai tódolos esforzos por existir", continuaba Maceira na presentación do manifesto. O documento, que xa está dispoñible para asinar desde este martes 24 en manifestocinemagalego.gal, foi presentado por pola directora da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Nieves Rodríguez; a vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera; a representante de Vía Láctea Films, Laura Fernández; a xerente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Uxía Caride; a directora de cinema Anxos Fazáns; o director Ignacio Vilar; e o presidente da Mesa, Marcos Maceiras. 


Este último resaltou a capacidade de creación do pobo galego co manifesto, "reivindicando o cinema galego" e "chamando a todos os actores implicados, desde actores de cinema, actores e actrices, produtores e produtoras, e institucións, a que se impliquen". Ademais da importancia económica que supón o sector, para Maceira o audiovisual galego representa tamén o "dereito a poder ver cinema na propia lingua"


Asimesmo, o presidente dunha das organizacións impulsoras do documento que xa foi apoiado por máis de 150 persoas de referencia na cultura, criticou o feito de que son "outros" os que contan a nosa historia, e non as propias galegas e galegos. "Estamos moi habituados a que outros nos conten quen somos nós, e o pobo galego ten que ter voz para contar quen é el", declarou. 


A IMPORTANCIA DE ACTRICES E ACTORES

Nieves Rodríguez destacou na súa intervención a "necesidade" do uso do galego e a súa capacidade de "unión" e de "comunicación". A presidenta da AAAG foi breve pero moi clara na súa defensa do idioma: "O cinema quere galego, o galego quere cinema". Ampliou ademáis a responsabilidade -que o manifesto atribúe a dirección, produción e guión- a actrices e actores,  palabras que subscribiu a súa compañeira Mabel Rivera. 


"Dentro da actividade cinematográfica e cultural, curiosamente quen emite a lingua somos nós: as actrices e os actores", dixo a actriz. Falou da súa profesión como "elemento normalizador" que mantén "este compromiso" desde hai máis de 40 anos. A ferrolana fixo fincapé na importancia de que "non hai que recorrer moitas veces a actores e actrices de fóra do país"


Mabelrivera uxiacaride nievesrodriguez cinemagalego

Rivera na súa intervención xunto a Caride, Rodríguez e Maceira (de esquerda a dereita) | Imaxe: Eva Neira Carballo


"ESTAMOS NO BO CAMIÑO"

Pola súa banda, Uxía Caride  respaldou as palabras das súas colegas nunha visión optimista polo "bo camiño" que está levando a cultura cinematográfica galega. A xerente da AGAPI, reivindicou o apoio de plataformas e novas canles de difusión para poder proxectar o cine en galego e "que non sexa unha rareza, senón que sexa unha normalidade". 


Tamén a directora que vén de estrear A Estación Violenta valorou positivamente o percorrido que están a conseguir as e os profesionais do sector. "Penso que se está indo na boa dirección", declarou, aínda que recoñeceu que ás veces é "máis fácil" chegar fóra cos traballos en festivais internacionais, por exemplo, que dentro. 


A ACOLLIDA DO PÚBLICO 

Laura Fernández falou da importancia que ten a acollida do público "para animar verdadeiramente ás canles de distribución a apostar polo cinema". "É un círculo virtuoso, no que se non hai suficiente demanda as canles dixitais e de distribución convencional non abren a porta á distribución de obras en galego como as que estamos a facer agora con moitísimo esforzo, con moitísimo compromiso, pero tamén con moita ilusión e con moitas ganas de que isto sexa unha realidade e o cinema en galego sexa normalizado", concluíu. 


"Toda a cultura que quere estar no mundo ten que estar na gran pantalla", dixo o director Ignacio Vilar. O director galego tamén falou da responsabilidade de cada galega e galego de demandar ao Goberno a defensa do cinema propio, "e este manifesto demanda a responsabilidade de cada un de nós". 


Melaniacruz ignaciovilar marcosmaceira cinemagalego

Fernández no seu discurso (dereita), Vilar (centro) e Maceira (esquerda) | Imaxe: Eva Neira Carballo


A MULLER NO CINEMA GALEGO

Preguntada pola importancia da muller no cinema galego, non contemplada especificamente dentro do manifesto, Laura Fernández quixo facer unha comparación da "discriminación positiva" que precisan ás mulleres neste sector coa que debería ter tamén a lingua. "A presenza nesta mesa penso que demostra que o cinema galego é forte tamén grazas á presenza feminina", declarou. "Pensamos que da mesma maneira a sociedade e as institucións teñen que entender que é necesaria unha discriminación positiva ata que non se regularicen esta situación", concluíu. 


"A DEMOLICIÓN CONTROLADA DAS AXUDAS"

Sobre o financiamento que debería ter o cinema, Mabel Rivera falou dunha "demolición controlada" no ámbito das axudas ao sector. "Se isto vai para arriba é porque a xente dos oficios estamos emperradas en que isto vaia para adiante", declarou a actriz. "Nós pola nosa parte podemos facer cousas, debémolas facer", pero recoñeceu con tristeza que moitas veces non hai onde facelas. "Se non se fan é porque non queren os que mandan, non os que gobernan, que iso é outra cousa", concluíu. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE