A "estafa" da atención á saúde mental para a infancia e adolescencia no sur de Galicia

O Movemento Galego da Saúde Mental condena duramente a decisión da Consellería de Sanidade de non crear unha unidade específica de atención á saúde mental para infancia e adolescencia no CHUVI


|

Familianiopadre


"Non se creará unha unidade específica, non se dotará con novos recursos e reordenaranse os espazos habilitando un corredor". Esta era confirmación do que o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) temía desde xullo de hai dous anos: a negativa de construción dunha unidade específica de atención á saúde mental para a infancia e adolescencia no Complexo Hospitalario de Vigo (CHUVI). 


Cando a xefatura de Pediatría e Psicoloxía do hospital barallou "solucións simples" como a adaptación do espazo existente para infancia e adolescencia mediante un corredor para separalos das pacientes adultas, o MGSM sentenciou que "non é aceptable" ningunha solución que non sexa constituír unha unidade nova "con recursos específicos de nova creación", como proxectos e programas definidos, espazos, materiais e dotacións profesionais.


A UNIDADE DA ÁREA SUR DE GALICIA

O proceso empezou fai xa oito anos, cando a Consellería de Sanidade e a Xerencia do Sergas falaban da Estratexia SERGAS 2014, un documento que recollía 7 obxectivos estratéxicos e 40 liñas de actuación para cambialo. Na atención á saúde mental do plan figuraba a necesidade de "potenciar o desenvolvemento da psiquiatría infanto-xuvenil coa creación de dispositivos de hospitalización psiquiátrica e de hospitais de día infanto-xuvenís".


O MGSM fixo público un comunicado onde repasan as actuacións do Goberno autonómico desde entón na materia, coa creación no ano 2012 dunha Unidade de Hospitalización en saúde mental para a infancia e adolescencia do Hospital Clínico de Santiago "coa metade das prazas previstas e con equipo asistencial incompleto". "Aí segue aínda igual de deficitaria a como se abriu", critican. 


O compromiso da creación dunha unidade en Vigo chegou, segundo explica o MGSM, en 2013, aínda que en xullo de 2014 a xefatura do servizo de Pediatría e Psiquiatría do CHUVI alertaban de que faltaban moitos detalles para a creación da unidade, como a dotación do persoal. Dous anos despois a xefatura de Vigo empezou "a considerar solucións simples, que pasaban, en sínteses, por diferenciar a hospitalización de nenas e nenos e adolescentes", cunha reforma no lugar de hospitalización de adultos. 


O conselleiro de Sanidade e o xefe de servizo de psiquiatría veñen de confirmar que non se creará a unidade específica, "desprezando así todas as recomendacións neste capo da atención sanitaria, incluídos os propios plans da Consellería de Sanidade", condena a organización. Consideran o proxecto "unha estafa" utilizada "publicitariamente para mellorar a rendibilidade política do Partido Popular".


Así as cousas, desde o Movemento Galego da Saúde Mental critican o comportamento da Xunta e denuncian que "non existe un só hospital de Día en Saúde Mental Infantil e da Adolescencia" en Galicia, comparando con Cataluña, onde, expoñen, contan con 31 prazas por cada 100.000 habitantes; e que "estamos nun 40% por baixo da media de dotación do Estado Español en psiquiatras e psicólogas e psicólogos clínicas para a atención e esta poboación". 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE