O persoal do 061 e a Central de Chamadas anuncian mobilizacións polo traslado á Estrada
Á espera de que o Servizo Galego de Saúde mova ficha ou, pola contra, que as asembleas de traballadoras e traballadores referenden os paros, planean as primeiras mobilizacións en meses "tan críticos como son xullo e agosto"
"Ante a falta de avances nas negociacións do traslado ao Centro de Atención de Emerxencias no concello da Estrada", a Xunta de Persoal do 061 e o Comité de Empresa do Grupo Norte da Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061-Galicia anunciaron mobilizacións para este mes de xullo "de persistir a situación".
Así informa a Confederación Intersindical Galega nun comunicado emitido este venres, onde denuncian que "non se pode garantir" que os plans de traslado facilitados na última reunión leven a cabo "coas debidas garantías para un servizo destas características".
A Xunta de Persoal e o Comité de Empresa lamentan que o Sergas aprazase " as negociacións ata o último instante". "Non se sabe, a día de hoxe en que quenda de traballo do día 2 de outubro farase o cambio; non se ten contemplado o número de recursos humanos necesarios o día do traslado, nin se se duplicarán as quendas, e non existe un plan de probas previo", denuncian.
Así, e aínda á espera de que o Servizo Galego de Saúde mova ficha ou, pola contra, que as asembleas de traballadoras e traballadores referenden os paros, planean as primeiras mobilizacións en meses "tan críticos como son xullo e agosto". Esperan que "as grandes repercusións" que poidan xerar leven ao Grupo Norte e ao Sergas para abandonar "o seu inmobilismo" e que poñan "do seu parte para chegar a un acordo beneficioso" para todas.
Desde a CIG explican que o persoal do 061 e da central de chamadas tivo coñecemento de que outros colectivos teñen compensacións que multiplican as súas, "algo que creou bastante malestar entre o cadro de persoal".
Escribe o teu comentario