Vaga de calor polo menos ata o domingo
Temperaturas de ata 35 graos no interior debido ao aire procedente do continente africano. O plan para limitar o impacto nos máis vulnerables leva días activado.
Temperaturas de ata 35 graos no interior debido ao aire procedente do continente africano. O plan para limitar o impacto nos máis vulnerables leva días activado.
A Xunta de Galicia ten en marcha, desde o 1 de xuño, o plan de actuación ante unha posible onda de calor, co obxectivo principal de reducir o impacto sobre a saúde da poboación galega polo mantemento das condicións de altas temperaturas durante máis dunha xornada.
Segundo Meteogalicia, desde a xornada do luns as altas presións atópanse no norte da Península Ibérica. Desde esa posición achegan estabilidade, deixando o ceo despexado, e achegan aire cálido procedente do norte de África. Esta situación continuará nos próximos días, polo que as altas temperaturas poderán superar con facilidade os 30 graos na metade sur de Galicia e mesmo os 35 graos no interior de Pontevedra, sur de Lugo e provincia de Ourense.
A previsión indica que esta situación manterase ata o vindeiro domingo, aínda que, segundo Meteogalicia, a partir do mércores espéranse dous factores que localmente poderían suavizar a situación. Por unha banda, na zona costeira de Pontevedra é probable a entrada de néboas e, por outra banda, no interior a presenza de aire frío en altura ocasionará nubes de evolución e fenómenos tormentosos. A situación de calor intensa durante o día non afectará o norte da comunidade galega pola presenza de vento de nordeste.
O Plan establece un sistema de previsión, alerta e comunicación dos riscos, define unha sistemática de intervención para cada nivel de alerta establecido, e reforza a coordinación institucional entre as unidades competentes nesta materia.
Considérase onda de calor cando o índice de sensación térmica é superior, como mínimo, a 24 graos e superior ao percentil 95 dos valores obtidos nos resultados históricos desa zona, e, ademais, con temperaturas mínimas superiores a 20ºC. Así mesmo, estas circunstancias deberán ter continuidade durante dúas ou máis xornadas.
Escribe o teu comentario