Os donos da mina de Touro teñen negocios con construtoras dos papeis de Bárcenas

Edgewater non logrou sacar adiante a mina de Corcoesto, din os canadenses,  por non ceder á chantaxe para dar parte do negocio a un socio local. Analizamos quen é o socio local de Atalaia Minning e cales son as súas conexións con grandes construtoras e coa universidade.


|

A multinacional Atalaia Minning tramita a reapertura da mina de Touro. Esta afirmación, frecuente ao falar do polémico proxecto, é mentira ou polo menos inexacta.


A titular dos permisos era Explotacións Galegas SL, e quen presentou a solicitude, é Cobre San Rafael SL, unha empresa  que, segundo figura na solicitude oficial, “representa á empresa Francisco Gómez e Cía. S.L.”.



Adega minas touro

Terreos da actual mina de Touro



EDGEWATER DENUNCIOU UNHA CHANTAXE PARA QUE CEDESE PARTE A UN SOCIO


Atalaia Minning ten agora mesmo só o 10% de Cobre San Rafael. Cando a Xunta, no seu caso, outorgue luz verde, Atalaia di que pagará dous millóns para facerse cun 30% máis e aumentará progresivamente o seu investimento ata o 70% “unha vez que o capital para o desenvolvemento sexa colocado e coas operacións en marcha, pagando 5 millóns adicionais”. Coa produción en funcionamento, indica que adquirirá o 10% restante, ata sumar o citado 80%. A multinacional -a pesar de comprometerse a achegar 1.200 millóns para sacar adiante a reapertura- deixará en mans galegas o 20%.


A mina de Touro ten cuberto así un flanco que non tiña o fracasado proxecto de Corcoesto. Tras recibir o non da Xunta, os canadenses de Edgewater levaron o asunto aos xulgados. Unha das cousas que alegaron é que un directivo dun medio de comunicación de Madrid advertíralles nunha reunión que a Xunta rexeitaría a mina de ouro -como así foi- se non cedían parte do negocio a unha empresa do Ibex 35. É dicir, que se buscasen un socio local ou quedarían sen nada. Edgewater di que non cedeu a esta chantaxe polo que, finalmente, denegáronlle o permiso, acusación que o Goberno levou aos tribunais, perdendo, por agora, a demanda en primeira instancia.


Atalaia Minning xa ten un socio local. Quen é e cales son sun son as súas conexións empresariais?


RELACIÓN CO CATEDRÁTICO QUE SUPOSTAMENTE INSULTOU Aos CRÍTICOS COA MINA


Cobre San Rafael só é titular dos dereitos desde o ano pasado. Antes levaban décadas a nome doutra sociedade, Explotacións Galegas SL. Nos consellos de administración destas sociedades repetíronse varios nomes dunha mesma familia co cargo de administrador solidario, Francisco Gómez Portela e Eva Gómez Portela, fillos do propietario dos terreos, o veterano empresario Francisco Gómez Nóvoa, alma máter, do grupo e que, a pesar de ser creador do imperio familiar e seguir a pé de obra, xa non figura á fronte das compañías e mantense completamente á marxe do foco mediático. O diñeiro pono Atalaia e é Atalaia quen pon a cara nos medios.


O grupo familiar inclúe numerosas participacións, varias domiciliadas na propia mina. Algunhas xa coñecidas, como Tratamento Ecolóxicos do Noroeste ou Centro de Valorización Ambiental do Norte, SL; a consultora ambiental onde tamén aparece como administrador Felipe Macías García, fillo de Felipe Macías Vázquez, o catedrático da USC que protagonizou unha polémica por supostamente insultar aos críticos coa mina durante unha charla na universidade. Os dous químicos publicaron traballos conjutos sobre a recuperación dos chans da antiga mina, usando residuos procedentes de ENCE, lodos de depuradoras e outros residuos industriais.


A CONEXIÓN CON EMPRESAS NOMEADAS NO SUMARIO DA GÜRTEL


Outras conexións empresariais da familia non son tan coñecidas, como a inmobiliaria Casiñas. Ademais, Eva Gómez Portela aparece no rexistro mercantil como Apoderada Mancomunada de Concesionaria Santiago-Brion SA, a compañía que xestiona esta autovía periférica de Santiago.


Nese negocio a familia -a través de Francisco Gómez e CIA SL- comparte consello de administración coa construtora ourensá Extraco e Iridum Concesións de Infraestruturas, SA;. Iridium preside a concesionaria e é parte do grupo ACS, presidido por Florentino Pérez. ACS é unha das construtoras que aparecen nos famosos papeis de Bárcenas -por presuntamente achegar 30.000 euros para financiar as campañas de Manuel Fraga- como doante de diñeiro negro ao Partido Popular, algo que a construtora sempre negou.


Extraco, o outro socio da concesionaria, tamén aparece na documentación dos sumarios da Gürtel. A xerencia do PP galego entregaría á xerencia do PP estatal un documento cos ingresos de 2006, onde figura un ingreso de 18.000 euros da construtora ourensá. Os supostos donativos son do ano 2006. A adxudicación da AG-56 de novembro de 2005.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE