O PP de Ourense non regalará o seu apoio nin a Feijóo nin ao seu eventual sucesor

Mentres o resto do partido tartamudea á espera de que Alberto Nuñez Feijóo confirme que aspira a suceder a Mariano Rajoy, Xosé Manuel Baltar móvese, e rápido, ante os rumores de que Feijóo podería acabar no senado.


|

Mentres o resto do partido tartamudea á espera de que Alberto Nuñez Feijóo confirme que aspira a suceder a Mariano Rajoy, Xosé Manuel Baltar móvese, e rápido, ante os rumores de que Feijóo podería acabar no senado.


Baltar rajoy

Baltar con Rajoy na Xunta Directiva Nacional do PP en Madrid este luns


FULGURANTE ELECCIÓN DE COMPROMISARIOS

Non pasaran oito horas desde que o presidente do PP estatal confirmase a data do Congreso Extraordinario cando o PP de Ourense anunciou a reunión de hoxe martes para aprobar o reparto de compromisarios ao congreso estatal. Se na primeira votación ningún candidato consegue unha gran vantaxe sobre o resto, estes compromisarios serán determinantes para decidir un novo líder estatal no congreso do 20 e 21 de xullo.


O rápido movemento de Baltar e o fulminante anuncio público da elección de compromisarios indica que o PP de Ourense está disposto a facer valer o seu peso como gran celeiro electoral conservador. Ourense é a única cidade que goberna o PPdeG, Ourense é a única deputación galega en mans conservadores e Ourense é a provincia que, elección tras elección, máis porcentaxe de voto cultiva para a despensa do partido


NON HABERÁ CONFLITO CO APARELLO

As fontes do PP de Ourense consultadas por Galiciapress descartan que o baltarismo plante batalla en campo aberto ao aparello da Nécora e Génova. Non por falta de ganas, senón porque saben que son dúas batallas nas que, en principio, levan as de perder. 


Outra cousa, din, é que un eventual apoio sálgalles gratis. A cuestión para debater agora sería cal será o prezo que o PP de Ourense fixaría por facilitar o ascenso de Feijóo en Madrid e a elección dun sucesor -Alfonso Rueda ou outro- en Santiago.


FEIJÓO, SENADOR POR DESIGNACIÓN AUTONÓMICA

Máis tendo en conta os insistentes rumores no partido que apuntan a que Feijóo, se é elixido presidente do PP estatal, puidese acabar no Senado. Liderando a maioría conservadora na Cámara Alta, o dos Peares tería o foro perfecto para consolidarse como líder, poñendo paus nas rodas da alianza do PSOE cos nacionalistas.


A vía para converter en senador a Feijóo sería renovar unha das dúas prazas que designa o Parlamento de Galicia. E unha desas prazas está ocupada por Jiménez Morán, ex-alcalde de Verín, e besta negra do baltarismo. Foi Jiménez Morán quen se prestou en liderar a lista kamikaze  coa que a Nécora se atreveu a desafíar ao baltarismo cando culminou a sucesión de pai a fillo nun congreso provincial. Unha ferida que non está pechada do todo.


PRAZOS PARA O CONGRESO

Así, o propio presidente provincial, Manuel Baltar, segundo resume Europa Press, avanzou na súa conta de Twitter que "non hai tempo que perder" para a organización do congreso e, deste xeito, reunirase este martes para a repartición de compromisarios.


Nos próximos días farano tamén o resto das provincias galegas e, de feito, a dirección provincial da Coruña ten previsto reunirse este xoves, segundo confirmaron fontes populares a Europa Press. Como mínimo, cada provincia conta con seis compromisarios, ademais dos membros natos que poden acudir.


O resto distribúese outorgando un 75% segundo afiliación e un 25% por resultados electorais das anteriores Eleccións Xerais. Esa elección de compromisarios electos celebrarase en toda España o 5 de xullo, momento no que haberá unha primeira elección entre os candidatos que se postulen, de haber varios nomes que se presenten para suceder a Rajoy.


En xeral, un total de 3.134 compromisarios acudirán ao XIX congreso extraordinario que o PP celebrará en Madrid os días 20 e 21 de xullo, dos cales 522 son membros natos e 2.612 son electos en cada unha das provincias.


PRIMEIRA REUNIÓN DE ORGANIZACIÓN

Tras aprobar este luns a Xunta Directiva Nacional do PP a celebración do conclave, a comisión organizadora reuniuse na tarde deste luns para empezar a prepara o congreso. O primeiro prazo crave é o que se sitúa entre o 18 e o 20 de xuño, cando os candidatos que queiran presentarse deben facelo co aval de cen militantes.


Os afiliados poderán inscribirse para participar na elección do presidente do PP desde este luns ata o 25 de xuño, ás 14,00 horas, e para participar como compromisario no congreso ata o 29 de xuño ás 14,00 horas.


Pp de ourense en madrid

Baltar e membros do PP de Ourense na Xunta Directiva Nacioal do PP

relacionada O PP elixirá o 20 e 21 de xullo o sucesor dun Rajoy que promete manterse á marxe

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE