A veciñanza de Teo únese contra a planta de residuos de Casalonga
"Estas e outras deficiencias do proxecto fan pensar que se trata máis ben de aproveitar un espazo degradado onde depositar residuos que nun vertedoiro proxecto de reciclaxe e economía circular", sentenza Adega.
Casalonga Limpa apoiou a manifestación contra a mina de Touro - O Pino | Imaxe: BNG Teo
O pasado luns 4 de xuño constituíuse a plataforma Casalonga Limpa de Residuos en Teo, en resposta á creación dunha planta de xestión de residuos orgánicos da empresa Toysal no municipio. As veciñas e veciños posicionáronse en contra da planta porque, de aprobarse o proxecto, din, levaría "prexuízos irreparables na ecoloxía".
A plataforma denuncia que, a curto prazo, o proxecto afectaría a 40.000 habitantes. Recalcan que, a menos de 2 quilómetros, hai "un colexio, unha unitaria, unha gardería e unha residencia de anciáns". Pero a medio prazo auguran unha gran cantidade de afectados "desde Santiago de Compostela á ría de Arousa, dado que a produción da planta afectará aos acuíferos que desembocan na ría", explicaron nun comunicado. Así mesmo, desde a organización alertan do "prexuízo turístico" que supoñería a planta "ao afectar directamente o Camiño Portugués".
Tamén a asociación ecoloxista Adega móstrase crítica co proxecto. Nun comunicado denunciaron que a planta "non reúne todos os criterios de sustentabilidade ambiental". A asociación advirte que para obter a clasificación de "reciclaxe" segundo a normativa actual, a empresa debe reciclar os nutrientes contidos nos residuos "en forma de compost de calidade", un proceso do que, "polo xeral", obtense biogás que se destina a producir electricidade e enerxía calorífica.
En cambio, segundo denuncian, "non se prevé a produción de electricidade", senón que o biogás obtido destinarase a "queimar e usar a calor para os consumos da propia instalación". Critican tamén que non se garante a calidade dos produtos para reciclar, porque "non se especifican" as características dos residuos de entada, en particular "o seu contido en metais pesados".
Tampouco hai datos sobre a procedencia dos residuos para tratar, deixando de lado a "gran influencia" no balance ambiental que supón a distancia de transporte. augas residuais que obtería a planta empregaríanse na rega de 20 hectáreas de eucaliptales pero, segundo Adega, non hai especificacións sobre o estado desas superficies.
"Estas e outras deficiencias do proxecto fan pensar que se trata máis ben de aproveitar un espazo degradado onde depositar residuos que nun vertedoiro proxecto de reciclaxe e economía circular", sentenza Adega. Pola súa banda, Casalonga limpa comezou xa coas súas primeiras accións, como contactos co concello e unha campaña informativa.
Escribe o teu comentario