​“ A CIG xa é o primeiro sindicato de Galicia en delegados e delegadas”

Entrevistamos a Paulo Carril -líder da CIG dende o ano pasado- intres antes de que a central oficializase que desconvoca da folga xeral do 19X. O secretario xeral non se fía do novo Goberno -”somos consciente de quen é o PSOE”, di- e de feito apunta a que xa están preparando a folga no caso de que non derrogue a reforma laboral. Con todo, admite que a caída do PP xera certas expectativas. O conflito da Xustiza, a negociación en Educación, a folga de ambulancias e a relación do nacionalismo sindical co nacionalismo político son outros dos temas desta conversa. 


|

Entrevistamos a Paulo Carril -líder da CIG dende o ano pasado- intres antes de que a central oficializase que desconvoca da folga xeral do 19X. O secretario xeral non se fía do novo Goberno -”somos consciente de quen é o PSOE”, di- e de feito apunta a que xa están preparando a folga no caso de que non derrogue a reforma laboral. Con todo, admite que a caída do PP xera certas expectativas. O conflito da Xustiza, a negociación en Educación, a folga de ambulancias e a relación do nacionalismo sindical co nacionalismo político son outros dos temas desta conversa.



Paulocarrilcig


Pregunta obrigada, porque desconvocaron a folga xeral prevista para o 19 de xullo?

Convocamos folga xeral como moción de censura ante unha grave situación social, política e institucional que obrigaba a que tomáramos decisións, que tiña a intención de recuperar os dereitos roubados coa crise e demandar a fin dun goberno do PP que en minoría parlamentar mantiña con man de ferro esas políticas e representaba a corrupción institucionalizada.


A caída do goberno do PP a través dunha moción de censura por un conxunto de forzas que recolle a toda a esquerda española e tamén a todo o independentismo o soberanismo, que deu dun xeito evidente un voto para botar ao goberno do PP, entendemos que é o primeiro paso e confirma a nosa análise.


Somos conscientes de que o PSOE é culpábel e responsábel de moitas das políticas que eles iniciaron e o PP profundou cunha brutalidade inmensa durante estes seis anos. Pero tamén somos conscientes de que …


Hai que darlle unha oportunidade …

Máis que unha oportunidade, somos conscientes de que hai unha expectativas onde a nova correlación de forzas novas, que pode ser favorábel.


A intención de suspender a folga non é para desconvocala senón para agardar e esixir un calendario efectivo e real para que nos próximos meses haxa unha derrogación das reformas laborais e de todas estas medidas.


E que lle esixe á CIG a este novo Goberno en concreto?

Tendo contribuído a caída do goberno, cremos que ten que haber reformas inmediatas. Un calendario que faga efectiva a derrogación a reforma laboral.


Incluída a reforma laboral do goberno de Zapatero?

Todas as reformas laborais que nos precarizan e empobrecen. Para nós as reformas laborais comezan en 2010. Ao igual que as reformas das pensións comezan en2011. Tamén reclamamos a fin da Lei Mordaza e que se deixe usar a xudicatura como instrumento de persecución da liberdade de expresión.


Son conscientes de que o Goberno chegou ao poder co apoio de toda a esquerda pero tamén co voto de polo menos dous partidos de dereitas, PDeCAT e PNV …

Nós nunca acreditamos que a solución veña porque no Parlamento teñan vontade de facer eses cambios. Acreditamos na mobilización social; na loita e acción sindical. A suspensión da folga está condicionada a que nos próximos meses se faga efectivo este calendario que falamos, de non producirse retomariámola. Por iso o 19 de xuño facemos da folga unha xornada nacional de mobilizacións. As nosas reivindicacións mantémolas íntegras e emprazamos ao novo Goberno e a nova relación de forzas que as faga efectivas. Nós imos seguir na mobilización, é a vía que vai impedir eses bloqueos e a perpetuación desas políticas.


A CIG fixo un chamamento ao resto de forzas sindicais e sociais que se sumaran á folga, pero quedouse practicamente soa. UXT e Comisións xa se esperaba que non se sumaran, pero tampouco a CUT ou outros sindicatos máis pequenos …

Unha central nun intre tan duro como o actual ou acredita na mobilización e na folga, ou senón corre o risco de ser inútil ou irrelevante. En xeral todos os sindicatos teñen unha actitude de conformismo e pasividade, algúns incluso de colaboración. Todo o traballo de cara a esta folga evidenciou que hai un derrotismo inmenso, que mesmo colleu de sorpresa ao PP senón aos que se din combativos ou oficiais. Haberá que preguntarse porque todas as forzas que avalaron a moción de censura o fixeron. Será porque tamén tiñan unha lectura do que pasaba era dabondo grave e de cansazo co que o PP representaba. Lamentamos esa posición. Tamén digo que a suspensión que nós facemos, agardemos que non teña a mesma contestación dos outros sindicatos cando chegue o momento, se temos que retomala. Se coas políticas do PP estiveron na derrota, no entreguismo e na colaboración … se agora van seguir coa mesma canción sería lamentable.


Hai un prazo para decidir se esa suspensión da folga se prolonga?

Nos próximos meses imos a ver que calendario leva a consecución das reformas. Estamos xa preparando a convocatoria desa folga, inevitable; porque somos concientes de quen é o partido socialista. En todo caso, hai una nova correlación de forzas e miraremos até onde están dispostos a facer valer esa presión para derrogar a reforma laboral e a avanzar na recuperación dos dereitos sociais roubados coa escusa da crise.


Fala do suposto “entreguismo” doutras centrais. Como valora o seu papel na recente fola da Xustiza? Certo é que os traballadores lograron aguantar co paro moito tempo, pero tamén é certo que ao final a Xunta logrou crear desunión e hai un verdadeiro rebumbio entre as centrais …

O único sindicato que mantivo a coherencia, a credibilidade e a defensa do que os traballadores demandaban fomos nós. Non só durante o conflito apostando pola unidade; tamén ante un escándalo tan absoluto e grave que se produciu ao avalar a minoría sindical de UGT, Comisións e USO un acordo rexeitado por tres veces polos traballadores. Efectivamente, ese derrotismo e ese dirixismo do PP sobre esas centrais chegou a ese extremo. A CIG apostou por respectar o resultado do referendo, actuar en consecuencia das demandas dos traballadores e que houbese un laudo arbitral do Consello Galego de Relacións Laborais para poñer fin ao conflito. Outros optaron por unha mesa sectorial e outros optaron por non facer nada, caso da a CUT e a STAJ. Curiosamente, foi o CSIF a única central que validou a nosa proposta. No conflito evidenciouse que hai un potencial na mobilización social imparábel …


Pero vostede cree que ao final os traballadores gañaron este conflito?

Si, gañouse porque máis alá do que materialmente consigas -que é o obxectivo dunha folga- hai outro aspecto fundamental que é a toma de conciencia, afianzar a idea de que temos que mobilizarnos para defender os nosos dereitos. No último congreso da CIG declaramos que o sindicalismo nos centros de traballo é a fonte da conquista de dereitos. Aquí houbo o que agora se chama empoderamento, pero que é esa toma de conciencia da que falamos. Ademais, deuse nun sector onde moita xente opinaba que non era o máis proclive a isto.


Foron máis de dous meses de folga.

Foron tres meses e eu creo que un exemplo de dignidade. A capacidade dos traballadores de defender os seus dereitos, pasou por riba do que algúns sindicatos poderían pensar, como se demostrou.


É evidente que a CIG leva anos crecendo en representación sindical nas empresa. Xa disputa ser o primeiro sindicato en delegados en Galicia …

Nós cos datos que temos, cando acabou período concentrado de eleccións sindicais, a CIG xa era a segunda forza sindical a escasa diferencia de UXT. Agora mesmo, con datos a mes de abril, e camiño de consolidarse por segundo mes consecutivo; somos a primeira forza sindical en Galicia, en número de delegados e delegadas. En afiliación e mobilización social xa o somos hai anos, pero agora o somos en número de delegados e delegadas. Isto confirma o noso punto de vista de que a forza sindical ten que ser usada para expresar a loita e na mobilización. Comisións está de terceira e nós estamos preto do 30% de delegados e neste intre levámoslle 22 delegados, estamos por riba da UXT.


Non se pode discutir que a CIG é a organización nacionalista galega cun maior éxito organizativo. No político, o nacionalismo nunca foi quen de de disputar o primeiro posto. Que leccións poden tirar, se é que poden tirar algunha, os partidos nacionalistas galegos do avance do sindicalismo?

As realidades sindical e política son diferentes. Pódense tirar conclusións, que poden ser aplicábeis ou non. En todo caso, nós na CIG somos o resultado dun proceso histórico de organización da clase traballadora que ten apostado que no conflito e na autoorganización é onde hai que facer avanzar un sindicalismo como o noso, asembleario e combativo co poder. Nese sentido, historicamente sempre houbo en Galiza unha forza sindical nacionalista que non ten comparanza co que logo moitas veces se expresa en termos políticos. De igual maneira que se ten visto en Cataluña un nacionalismo político con forza e un nacionalismo sindical con non tanta. Polo tanto, isto forma parte do proceso histórico no que se foi conformando o nacionalismo galego e onde puido asentarse socialmente .A mobilización, a loita na rúa, a construción de poder popular é necesaria para que a construción dunha alternativa de poder nacionalista en Galicia poida avanzar. En todos caso, isto en termos políticos é analizable dun xeito e en termos sindicais doutro. Non se poden trasladar conclusións directamente.


Os últimos datos do paro en Galicia reflicten cifras en teoría positivos, cunha caída interanual no país do 11%. Tamén é certo que cada vez hai máis parados sen ningunha cobertura asistencial.

En maio sempre hai unha redución do desemprego. Esta redución dáse con un nivel de contratos rexistrados enorme, que evidencia a rotación que hai no mundo do traballo cunha escasísima duración dos contratos, que duran días e horas. O PP pretende recortar nas prestacións de desemprego e asistenciais. Hoxe son máis os desempregados sen cobertura que con cobertura. O de mes de maio é un dato anecdótico que non confirma ningunha tendencia. O que confirma é a sobreexplotación, a desprotección e a pobreza laboral.


A CIG é o sindicato máis potente no sector do ensino público. Hai unha mesa de negociación en marcha coa Xunta, que parece non está dando froitos. Que agarda a CIG desa negociación?

Non agardamos que a Xunta aprobe unha recuperación real dos dereitos dos traballadores do ensino. Limitan a negociación ao salario, cando hai a necesidade de recuperar na súa integridade condicións laborais no seu conxunto. En apenas tres semanas recollemos máis do dobre das sinaturas necesarias no caso de que fóra unha ILP de ensinantes esixindo unha recuperación real e os seus termos. A proposta do Goberno non é para nada acorde con estas reivindicacións.


Outro sector no que o seu sindicato é o máis importante é o das ambulancias. Sector que xa ten un conflito en marcha pola negativa da patronal a negociar o convenio colectivo, ao alegar as adxudicatarias que tiveron que presentar ofertas moi baixas aos concrusos da Xunta, cunhas licitacións recortadas durante a crise. As folgas de ambulancias, por precedentes destes anos, soen ser moi duras. Como cre que vai evolucionar este conflito?

A folga de ambulancias confirma a necesidade que había da folga xeral porque a reforma laboral permitiu que a patronal gañase valor para bloquear dun xeito interminable a negociación do convenio colectivo. Confirma tamén até onde chega a privatización das políticas do PP. Vemos traballadores e traballadoras que defendendo os seus dereitos están tamén defendendo tamén a sanidade pública, universal. Hai unha situación de intento de consolidación da precariedade. Cremos que este conflito é necesario. Nun tempo desta aparte estamos a vivir conflitos moi longos, pero son inevitables neste tempo no que resistir os envites do poder xa é gañar.



Folgaambulanciascigferrol


Este domingo é a manifestación contra a mina de Touro. O principal argumento dos defensores da mina é que Atalaya Minning promete crear até 400 empregos en zonas nas que non hai moitas oportunidades. Compensa eses postos de traballo o impacto no medio?

A CIG está dentro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, unha das convocantes da manifestación, e levamos defendendo dende hai tempo a necesidade desta manifestación. Temos acudidos a todos os chamamentos dende as plataformas de Arousa e dos veciños. Somos o único sindicato que se ofreceu a sermos convocantes da manifestación. 

relacionada Alto respaldo da folga de ambulancias á espera dunha mesa de negociación "nos próximos días"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE