Hai outro sucesor posible a Feijóo que Alfonso Rueda?

Todas as fontes do PPdeG consultadas por Galiciapress coinciden en que o vicepresidente da Xunta ten moitas, pero non todas as cartas para gañar a partida da sucesión galega.


|

Alberto Nuñez Feijóo parte como favorito para suceder a Mariano Rajoy no PP estatal. Aínda que  Feijóo segue esquivando a pregunta en público, a súa contorna empeza a filtrar que está disposto a cumprir a súa obvia ambición de saltar a Madrid. Onte, Radio Galicia, citando a persoas do seu contorno, indicaba que Feijóo está aberto a liderar o PP en España se o partido llo pide e hai unanimidade ao redor da súa persoa. 



Roda feijoo


O dos Peares está a xogar ben as súas cartas por agora, evitando mostrar a ambición que o desgastou a súa imaxe fronte ao marianismo hai uns anos. A súa prudencia fai que sexan outros os que enarboren o seu nome como alternativa fronte á  coñecida pelexa doutras dúas presidenciables , Soraya Saéz de Santamaría e María Dolores de Cospedal. Se triunfa Feijóo quen ocuparía o asento que deixe vacante á súa vez no PP galego e na Xunta?


Os dirixentes do PPdeG consultados por Galiciapress -que acertaron de pleno ao predecir que Rajoy marcharía pero non inmediatamente- sinalan a Alfonso Rueda como alternativa obvia. Agora ben, todas as fontes conservadoras deixan claro que o vicepresidente da Xunta  ten moitas, pero non todas as cartas para gañar a partida da sucesión galega.


En primeiro lugar, porque podería non haber sucesión, polo menos a curto prazo. A Xunta Directiva do PP estatal que convocará o Congreso Extraordinario será a próxima semana. A cita para elixir o novo presidente do PP, antes das vacacións.


Un calendario moi apertado que fai impensable lanzar un Congreso en Galicia antes de agosto. Se Feijóo triunfa en Madrid, podería compatibilizar polo menos durante uns meses o cargo de presidente do PP estatal e mandatario galego.


A medio prazo, todos os dirixentes consultados ven inviable que o de Os Peares combine liderado estatal e a presidencia da Xunta. Máis cando o propio dirixente repetiu ata a extenuación que este será o seu último mandato en San Caetano.


Á hora de organizar unha sucesión, no aparello conservador recoñecen que poucas alternativas hai a Alfonso Rueda.O estilo personalista e a centralización de poder que impuxo Feijóo na Xunta impediron que outros mandatarios poidan competir co vicepresidente, durante anos mano dereita de Feijoó.  Un presidente que  apostou por conselleiros moi técnicos, de pouco perfil político. 


Agora ben, as citadas fontes tamén sinalan que as relacións entre Rueda e Feijóo -e particularmente entre os seus equipos- xa viviron tempos mellores. Postos a dar o nome dun conselleiro que puidese facerlle sombra a Rueda sinalan a José Manuel Rey Varela, o conselleiro de Política Social, probable candidato a reintentar recuperar a alcaldía de Ferrol. Rey Varela procede do sector herculino máis urbanita que, da man de Romay Beccaría, impulsou a Feijóo a herdar o fraguismo.


O outro sector do PP, o máis rural e galeguista, está en condicións de presentar batalla? Todas as fontes consultadas indican que non. Os de A Boina xa non existen. O que se pervive, e forte, é o baltarismo.


Ourense segue sendo o primeiro celeiro de votos do PP de Galicia e mesmo do de España. Por iso quen aspire a suceder a Feijóo faría ben en falar antes con Xosé Manuel Baltar. Marcando territorio, o líder ourensán saíuse do discurso oficial en repetidas ocasións nos últimos meses. A máis soada, apoiando a folga feminista fronte ás críticas da Nécora. 


Outra cousa é que o baltarismo poida presentar batalla con opcións reais de gañar ao sucesor que no seu caso apoie Feijóo. Os de Ourense sábeno; pero tamén saben que Feijóo non tiña opcións de gañar o Congreso Provincial polo cal Xosé Manuel herdou do seu pai Xosé Luís. E a pesar disto, a cúpula do PP galego lanzou a competir polo posto de presidente do PP de Ourense ao ex-alcalde de Verín.  



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE