Aspas ve premiada a súa gran tempada coa convocatoria para o Mundial
O seleccionador español, Julen Lopetegui, anunciou a lista dos 23 xogadores convocados para competir en Rusia 2018 onde incluíu a Odriozola e Monreal.
A presenza dos defensas Álvaro Odriozola (Real Sociedade) e Nacho Monreal (Arsenal) e as ausencias dos atacantes Álvaro Morata (Chelsea) e Vitolo (Atlético) son as principais noticias na lista de 23 convocados para o Mundial de Rusia anunciada este venres polo seleccionador español, Julen Lopetegui. O único xogador dun club galego será o extremo celtiña Iago Aspas. O atancante olívico rendeu a gran nivel esta tempada, converténdose nun dos principais goleadores da LaLiga e estrela indisctutible do conxunto galego.
Pola contra, Morata e Vitolo, dous xogadores importantes na fase de clasificación para Rusia, víronse penalizados tras as súas irregulares tempadas nos seus respectivos equipos e non pasaron o corte final para o Mundial. No seu lugar, o seleccionador preferiu reforzar os laterais coa presenza de Odriozola e Monreal.
Tanto o dianteiro do Chelsea como o extremo do Atlético foron fixos nas aliñacións do seleccionador durante a fase de clasificación, pero ambos viviron moi lastrados polas lesións esta tempada. Para eles e para outros ausentes tivo palabras de agradecemento Julen Lopetegui nada máis anunciar os seus 23 elixidos.
Ademais, na lista tampouco entrou Sergi Roberto, desbancado por Odriozola como teórico lateral dereito suplente de Dani Carvajal, nin Marcos Alonso, xa que Lopetegui decantouse no lateral esquerdo pola experiencia de Monreal, que ao fin disputará o seu primeiro gran torneo coa selección española tras case unha década de presenza intermitente no equipo nacional.
Tamén debutarán nun gran torneo o porteiro Kepa Arrizabalaga, o defensa Nacho Fernández, os centrocampistas Isco Alarcón, Saúl Ñíguez e Marco Asensio e os dianteiros o ourensano Lucas Vázquez, Iago Aspas e Rodrigo Moreno. Desta forma, Lopetegui renova máis de medio equipo respecto da errada Eurocopa 2016 e só repiten 11 xogadores daquel torneo errado.
Por equipos, o Real Madrid é o que máis achega con seis xogadores, seguido polo FC Barcelona e o Atlético con catro e tres xogadores, respectivamente. En canto á idade, Marco Asensio (22 anos) é o xogador máis novo do equipo e Pepe Reina (35), o máis veterano.
A expensas da incorporación posterior dos xogadores do Real Madrid, a selección concentrarase na Cidade do Fútbol de Las Rozas o 26 de maio e disputará dous amigables ante Suíza (3 xuño) e Tunes (9 xuño) antes da súa participación no Mundial, onde xogará fronte a Portugal (15 xuño), Irán (20 xuño) e Marrocos (25 xuño).
Escribe o teu comentario