Detido un dos membros da 'Acampada contra a Pobreza' de Vigo por desacato
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron este venres a Juan Carollo, un dos representantes da 'Acampada contra a Pobreza', por desacato á autoridade, ao resistirse cando os axentes ordenaron desmontar unha estrutura de madeira que membros deste colectivo pretendían instalar na Praza do Rei.
Segundo confirmaron fontes municipais, a detención produciuse a media mañá, cando axentes do 092 indicaron aos membros da 'Acampada' que tiñan que desmontar dita estrutura de madeira, e ante a "negativa" desas persoas para acatar as ordes dos axentes. O detido foi trasladado á Comisaría de Policía Nacional.
Algúns representantes deste movemento, que reclama máis investimento en políticas sociais para atender ás persoas sen teito, explicaron que os policías acudiron á Praza do Rei este venres en "actitude provocadora".
De feito, lembraron que, desde que se iniciou a acampada de protesta (hai 15 meses), tiveron que trasladar as súas tendas de campaña e acabaron "arrinconados" nunha esquina da praza, a pesar de que Juan Carollo "ten permiso da Subdelegación do Goberno" para manter a súa protesta ata que sexa recibido polo alcalde (reunión que non se produciu).
Pola súa banda, o concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, incidiu en que Vigo ten "a mellor política social de todos os concellos de España", e que conta cun albergue municipal "aberto en plena crise" e sostido con fondos do Concello.
Escribe o teu comentario