En Marea rexistra a primeira Lei de publicidade sanitaria en Galicia
O grupo parlamentario rexistrou unha proposición para controlar a publicidade enganosa, os servizos dos centros socio-sanitaros e o intrusismo laboral.
Eva Solla
En Marea rexistrou a primeira proposición de Lei para regular a publicidade sanitaria no noso país. O obxectivo, segundo explicou o grupo parlamentario, é "ampliar e reforzar o marco lexislativo polo que se teñen que rexer a publicidade de produtos, centros e actividades sanitarias e socio-sanitarias en Galicia".
Segundo explicou a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, buscan controlar a publicidade enganosa de "algunhas clínicas que ofrecen servizos sanitarios", así como os "servizos sanitarios que ofrecen os centros socio-sanitarios" e "controlar o intrusismo profesional que se está dando en moitas ocasións".
O texto, que xa está rexistrado no Parlamento, é produto das achegas de colexios profesionais, asociacións de pacientes, consumidoras e demais expertas. O grupo tentará debater a iniciativa no Parlamento antes de que acabe o período de sesións "para tratar de logar o apoio de todos os grupos parlamentarios a esta norma imprescindible".
Entre as directrices que ofrece En Marea á hora de difundir mensaxes, figuran a utilización de textos "que sexan totalmente comprensibles na súa integridade, evitando terminoloxía e expresións complexas que poidan inducir a engano"; non conter "afirmacións que non podan ser probadas cientificamente"; e a identificación da profesional sanitaria "mediante o número de colexiada" ou ao centro "mediante o número de autorización sanitaria".
Escribe o teu comentario