"O galego é o único idioma oficial que perde falantes"
Como cada 17 de maio as rúas de Santiago volverán encher de miles de defensores da lingua propia. A plataforma Queremos Galego presenta as mobilizacións deste ano contra o "o 155 de facto".
Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, presentou hoxe o acto final da manifestación para o 17 de maio baixo o lema “En galego día a día”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12 h da Alameda.
O portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, acompañado de Neves Rodríguez e membros da xestora da plataforma cidadá, informou dos diversos actos nas comarcas galegas para informar da manifestación.
Co lema “En galego día a día” a plataforma cidadá pretende reivindicar "o apoio social crecente á lingua galega que contrasta coa actitude da Xunta de Galicia que mantén un 155 lingüístico de facto". Segundo indicou o portavoz da Plataforma, Marcos Maceira, “en Galicia é o propio goberno galego, co presidente Feijóo á cabeza, quen actúa como un vulgar delegado do goberno español, renegando das funcións que lle dá o estatuto de autonomía e da alta representación de Galicia que debería exercer”. Como consecuencia, sinalou, “o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e carece de apoio do seu propio goberno”.
A manifestación finalizará na praza da Quintana onde a comunicadora e actriz, Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia e galardoada co premio á mellor comunicadora nos premios Mestre Mateo deste ano polo seu traballo no programa Vaia Festa!, conducirá o acto final.
Escribe o teu comentario