Urxencias do CHUS colapsadas "porque se prima a austeridade no gasto"
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia que "Os corredores de acceso están cheos de pacientes amontoados en condicións indignas, porque se prima a austeridade no gasto e mantéñense camas e plantas pechadas"
Cola de urxencias ás 16.59h | Imaxe: Pacientes CHUS
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia os "malos tratos asistenciais nos servizos de urxencias" do Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Así o fixeron constar nun comunicado sobre o colapso de urxencias producido o pasado venres, 4 de maio. "Os corredores de acceso están cheos de pacientes amontoados en condicións indignas, porque se prima a austeridade no gasto e mantéñense camas e plantas pechadas", condenan.
"Non existen razóns de carácter clínico e si motivos de carácter orzamentario para que durante anos se manteña esta situación de colapso estrutural do servizo", manifesta no escrito. Segundo a asociación o 4 de maio ás 15.43h "10 pacientes, dos cales 4 clasificados como graves, estaban a esperar ser atendidos en cadeiras de rodas e padiolas", ao mesmo tempo que se mantiñan pechadas "15 padiolas na área de observación". Unha hora máis tarde, conta a Asociación de Pacientes, "o acceso seguía ocupado con 9 pacientes de diversa gravidade", con "só" 3 zonas de atención dispoñibles.
A situación vivida durante o día 4 no CHUS é un exemplo máis do estado da sanidade. "Para os responsables sanitarios desta área o problema non existe, a pesar de que a demanda de atención ao longo do ano está moi por encima dos medios materiais e humanos dispoñibles e da oferta asistencial", denuncia a Asociación de Pacientes.
O colectivo pide unha solución, xa que, segundo din, "as políticas de austeridade en materia de saúde e de racionamento dos recursos sanitarios teñen consecuencias directas sobre os pacientes, leva a vulneración de dereitos fundamentais e, eventualmente, ao falecemento en contornas que atentan contra a dignidade debida a un ser humano".
OS NÚMEROS
Segundo os datos recolleitos pola Asociación de Pacientes de facultativos de urxencias, o número de pacientes que se atenden en quendas de sete horas por profesional "para os de nivel II e II está entre os 13 e os 17, cando os estándares internacionais fixan un máximo de 10,5 pacientes por facultativo". Por outra banda, aquelas persoas cualificadas de nivel IV e V "están entre 18 e 30", mentres que o estándar establécese un máximo de 21.
Escribe o teu comentario