Acusacións cruzadas tras a vitoria dos folguistas da Xustiza
Tras semanas denunciando que os sindicatos non deixaban votar aos traballadores, Rueda non ve lexítimo o resultado das votacións. O vicepresidente quéixase de presións dos pro-folga, que lle responden pedindo a súa dimisión e denunciando a "traizón" de USO, Comisións, UXT e CSIF.
Tras semanas denunciando que os sindicatos non deixaban votar aos traballadores, Rueda non ve lexítimo o resultado das votacións. O vicepresidente quéixase de presións dos pro-folga, que lle responden pedindo a súa dimisión e denunciando a "traizón" de USO, Comisións, UXT e CSIF.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, denunciou que as "presións" aos traballadores de xustiza durante as asembleas nas que se votaba a proposta formulada polo Goberno galego e aceptada por catro dos sete sindicatos do comité de folga --SPJ-USO, UXT, CSIF e CC.OO.-- tiveron "incidencia" no resultado.
Funcionaria a favor da folga votando / Galizacontrainfo
Unha interpretación moi diferente da dos grupos traballadores que apostan por seguir polo paro. "Gran lección de dignidade dos traballadores e traballadoras da Xustiza. Fracasa a traizón orquestrada pola Xunta co apoio de USO, Comisións, UXT e CSIF", presumen desde a CIG. Suso Bermello, directivo desta central, anima a estes sindicatos para "seguir o camiño da delegada de USO de Vigo que presentou a súa dimisión e darlle o recado a Rueda". Alternativas na Xustiza pola súa banda abre o seu resumo de prensa cun elecuente "Roma non paga a traidores" que defende a "dignidade" da folga.
RUEDA VE FALTA DE DEMOCRACIA
Nun acto do Partido Popular en Pontevedra, o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza atendeu aos medios despois de que o 52,8% dos funcionarios apoiasen o non á oferta do Executivo autonómico.
Respecto diso, asegurou que os lugares nos que se observaron máis "escenas de presión á xente que tentaba votar, en referencia a Vigo e Pontevedra, é nos que o non tivo uns maiores apoios. "Vimos ao longo de toda a xornada escenas de presión, tivo que entrar a policía, houbo que paralizar as votacións nalgún momento", sinalou.
Para o vicepresidente autonómico estes son episodios "en absoluto democráticos" e que "non son de recibo" dado que "unha votación tense que desenvolver en total liberdade e democracia". "Un grupo presionou a moitos para que non fosen votar" ou para "tentar condicionar o seu voto", asegurou.
Así mesmo, tras asegurar que "as imaxes falan por se soas", confirmou a oferta que a Xunta tiña "acordada con catro sindicatos" era "boa" e "é a que vai manter". "Satisfacía moitísimas das cousas que se pedían cando se iniciou a folga", apuntou.
Ademais, preguntado polo escenario que se abre tras a decisión dos traballadores, manifestou que "aqueles que decidiron que ten que seguir a folga terán que ser consecuentes con esa decisión que tomaron e ver o escenario que se lles abre".
A convocatoria de folga continúa aínda que a ninguén se lle escapa que os tres sindicatos que a apoian teñen difícil mantela moito máis co 48% dos seus compañeiros dispostos a non secundala.
Escribe o teu comentario