A Fundación La Caixa premia un proxecto de educación social da USC e Aliade-Ultreia
Os Premios de Innovación Social de La Caixa buscan recoñecer a vocación de transformación real e directa coa aplicación de métodos innovadores para mellorar a calidade de vida das persoas en situación de vulnerabilidade.
Laura Cruz (esquerda), Carmen Morán (centro) e María Barbá (dereita) | Imaxe: USC
Participa para transformar. Un proceso de cambio en prisión a través da animación sociocultural é a iniciativa do grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (Saiba-Interea) da USC que resultou galardoada cun dos 4 accésits dos Premios de Innovación Social de La Caixa 2017. O proxecto levouse a cabo no cárcere de Monterroso en colaboración coa Asociación Aliade-Ultreia de Lugo, baixo a coordinación de Carmen Morán, Laura Cruz -ambas as do grupo Saiba-Interea- e María Barba -de Aliade Ultreia-.
Participa para transformar púxose en marcha en 2011 despois da realización dun diagnóstico participativo sobre os problemas de convivencia na prisión. O plan conta con accións para mellorar o nivel de coordinación interna das iniciativas sociais e educativas de Monterroso, así como actuacións de coordinación externa co concello para a inclusión progresiva do penal en circuítos educativos, sociais e culturais.
Os Premios 'La Caixa' á Innovación social buscan recompensar o esforzo que realizan as entidades sociais, "achegando solucións innovadoras ás problemáticas abordadas e transformado a evolución dos valores sociais". O acto de entrega ao que acudiron María Barba, Carmen Morán e Laura Cruz celebrouse esta semana en Barcelona con todas as galardoadas.
Escribe o teu comentario