Parlamentarios de En Marea, BNG e CxG visitan a mina de Touro para "comprobar cos seus propios ollos a situación"
Os deputados acoden á mina tras o escrito remitido polas asociacións para trasladar a súa preocupación ambiental.
Os deputados de En Marea, Antón Sánchez García e Francisco Casal Vidal; do BNG, Xosé Luís Rivas "Mini"; e de CompromisoxGalicia, Juan Carlos Piñeiro Docampo visitan o xoves 19 a antiga mina de Touro e O Pino. A cita responde á invitación por parte das veciñas dos municipios aos grupos parlamentarios para "comprobar cos seus propios ollos a situación" que viven cada día que figuraba no escrito remitido polas asociacións para trasladar a súa preocupación ambiental.
Os parlamentarios acudirán á mina onde actualmente desenvolve a súa actividade a empresa TEN S.L., que xestiona residuos tratados como lodos de depuradoras; residuos de minería, construción e demolición; cinzas de fogar e subproductos da industria agroalimentaria para elaborar solos artificiais (tecnosoles).
As veciñas denuncian as molestias producidas por esta actividade e consideran que, nalgúns casos, poida que "se estean levando a cabo actuacións" das cales "poderían resultar prexudicadas augas e chans".
Solicitan coñecer "os resultados de diversas analíticas periódicas relativas aos cheiros, augas e solos", e dos controis que impón a Instrución Técnica de Residuos ITR/01/08 do 08.01.2008 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Piden tamén ás administracións competentes que investiguen os feitos que denuncian e tomen as "medidas necesarias para evitar no posible actuacións que poidan danar o medio ambiente e a saúde dos veciños".
Escribe o teu comentario