Axentes Forestais e Ambientais valoran unha folga indefinida nos meses de alto risco de incendios
Axentes Forestais e Axentes Ambientais barallan a folga indefinida como resposta a "as escusas e mentiras" da Xunta de Galicia
Imaxe: Aprafoga
Galicia podería quedar sen persoal de extinción na próxima campaña de alto risco de incendios. Axentes Forestais e Axentes Facultativos Ambientais, que dependen da Consellería do Medio Rural e da de Medio e Ordenación do Territorio, barallan a folga indefinida ante os desplantes da Xunta de Galicia.
Denuncian as "escusas e mentiras" do Goberno Autonómico, así como o incumprimento da "redacción dun novo regulamento de funcións de escala", xa que o actual data de setembro de 2016; a formación da nova escala de Axentes cunha formación no curso académico 2017-2018; e a negociación dun novo convenio que a Xunta se comprometeu a poñer en marcha en xaneiro de 2018 -e non puxo-, segundo o comunicado publicado pola CIG e UXT.
Os profesionais senten "obrigados a tomar esta decisión para garantir a seguridade e a saúde dos traballadores", xa que no caso de accidente non quedarían cubertos porque "non están regulados por ningunha orde de horarios vixentes". De levarse a cabo a folga indefinida, a Xunta de Galicia quedaría sen directores de extinción, "posto que os axentes forestais e ambientais son os directores de extinción do 99% de lumes" que se producen en Galicia.
Escribe o teu comentario