Subvencións para ascensores e salvaescaleiras

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou a nova convocatoria para a instalación de ascensores, elevadores e salvaescaleiras co obxectivo de mellorar a "accesibilidade" e á que se destinarán 2,5 millóns de euros, case o dobre que a convocatoria de 2017.

|

Ethel Vázquez e José Manuel Rey Varela


A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou a nova convocatoria para a instalación de ascensores, elevadores e salvaescaleiras co obxectivo de mellorar a "accesibilidade" e á que se destinarán 2,5 millóns de euros, case o dobre que a convocatoria de 2017.

No edificio administrativo da Xunta situado na Praza de España, Vázquez compareceu acompañada polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e polo director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García.

Sobre a convocatoria, incidiu en que con esta achega económica da que se poderán beneficiar tanto comunidades de veciños como propietarios de vivendas unifamiliares a Xunta espera poder mellorar "a accesibilidade dunhas 850 vivendas".

Outra das novidades será tamén "un maior tempo para poder realizar as obras", cun prazo de presentación de solicitudes que se abre este martes, 27 de marzo, e admitiranse ata o 30 de maio.

AXUDAS COMPATIBLES
A conselleira tamén asegurou que este programa é "compatible con outras axudas para a instalación deste tipo de dispositivos" e informou de que os requisitos son iguais que os de 2017, cun financiamento que poderá chegar a ser dun 60% do total do investimento.

Figuran recollidos "os honorarios dos profesionais, os informes técnicos, os custos dos trámites administrativos, ademais da obra civil e os materiais".

En canto ás cantidades máximas a percibir, Vázquez destacou que serán 4.500 euros para os ascensores instalados en vivendas unifamiliares ou dúplex, 28.000 euros para edificios de oito vivendas ou máis e 35.000 euros para edificios de oito vivendas ou menos, mentres que no caso dos salvaescaleiras e outros dispositivos contarán cunha axuda de "practicamente" 2.000 euros.

POLÍTICAS DE MAIORES
Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou que "a mellora da accesibilidade é unha tarefa na que o Goberno galego está implicado a fondo", sobre todo para lograr "o aumento da calidade de vida das persoas, en especial dos maiores e daquelas que sofren discapacidade".

O ferrolán destacou que desde a súa área cóntase con "un programa para mellorar a accesibilidade en colaboración cos concellos".

Na primeira convocatoria, destacou, investíronse " 1 millón de euros en 18 concellos, e nestes momentos xa está en marcha unha segunda convocatoria, por leste mesmo importe" e hai prevista unha terceira, para este ano, "que virá incrementada con respecto á do pasado, e que facilita aos concellos o poder adaptar as súas rúas, prazas ou edificios públicos"

Por último, Rey Varela destacou que o orzamento destinado ás políticas para beneficiar ás persoas maiores incrementouse neste ano 2018 nun "10,15% con respecto a 2017, pasando de 375 millóns de euros a 415, incluíndo todas as liñas que temos destinados a este colectivo".

REUNIÓN CON PROFESIONAIS
Ambos os conselleiros, Vázquez e Rey Varela, ademais de Heriberto García, tamén mantiveron no mediodía deste luns un encontro informativo con profesionais do sector inmobiliario de Ferrol, coa presenza de arquitectos, aparelladores, empresas de reforma e inmobiliarias.

Déronlles traslado das axudas existentes en materia de mellora e rehabilitación de vivenda, tanto de instalación de ascensores, como doutro tipo de plans activos a día de hoxe, tanto de ámbito autonómico como estatal.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE