Os votos ás mareas non volverán caer en saco roto nas deputacións

Ás mareas non lles pasará como nas anteriores eleccións locais, cando, a pesar do seu éxito electoral en moitos concellos, a penas lograron representación nas deputacións ao non estar coaligadas. O plan para evitalo aprobouse este sábado nunha reunión marcada pola ausencia dos edís de Santiago, A Coruña e Ferrol e polas críticas de Beiras aos deputados en Madrid.


|

Plenario En Marea

O plenario de En Marea deu luz verde á aprobación dun documento para definir o seu papel nas eleccións locais do próximo ano que, entre outras cousas, establece a creación dunha fórmula xurídica a modo de "paraugas instrumental" para sumar votos para aumentar a presenza das candidaturas de unidade popular nas deputacións.

O documento, no que foron incluídas unha serie de emendas propostas por un grupo de inscritos afíns a Compostela Aberta, foi aprobado por 197 votos a favor, cero en contra e seis abstencións no plenario que En Marea celebrou este sábado na Facultade de Económicas de Santiago.

O texto proposto pola dirección foi defendido pola viceportavoz, Ana Seijas, que lembrou que o documento foi froito dos encontros convocados por En Marea o pasado mes de febreiro nas catro provincias galegas, nos que participaron unhas 200 persoas dunhas 60 mareas municipalistas.

Nel, a dirección ofrécese a desenvolver tarefas de coordinación e prestar axuda loxística ás mareas locais, así como a encabezar as negociacións para evitar que varias candidaturas do ámbito da esquerda rupturista concorran a un mesmo concello.

Así mesmo, En Marea ofrécese a articular unha fórmula xurídica instrumental para poder sumar os votos que reciba cada candidatura para aumentar o peso da esquerda rupturista nas deputacións. "Non imos renunciar aos recursos que son tan importantes para sacar adiante nosas políticas", remarcou Seijas.

Con todo, En Marea clarifica que non debe perderse a relación con aquelas mareas municipalistas que decidan non acollerse a este "paraugas instrumental".

ELECCIÓN DE REPRESENTANTES


Neste punto, no tocante á elección dos representantes nas deputacións, foi aceptada unha emenda do grupo de afíns de Compostela Aberta que se opoñía a que, como recollía o texto proposto pola dirección, o método fose a través dun procedemento de "sufraxio universal".

Deste xeito, o texto definitivo establece que o sistema de elección será decidido polas mareas "dentro de cada partido xudicial, conforme aos principios de transparencia e participación". Ademais, o documento tamén propón a creación dun "banco de ideas" comúns para a elaboración dos programas electorais.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE