Os sindicatos e a Xunta difiren nos datos sobre o seguimento da folga de Xustiza

Sindicatos apuntan un seguimento por encima do 80%, mentres que a Xunta o reduce ao 37%


|

Traballadores da xustiza protestan ante o Parlamento de Galicia


O seguimento da folga indefinida na Xustiza galega, que esta xornada coincide coa folga feminista, situouse por encima do 80% segundo os sete sindicatos con representación no sector, mentres que a Xunta reduciuno ao 37,74%.

O Executivo autonómico computa que este xoves foron á folga de xustiza 805 persoas. Segundo os cálculos da Xunta, o seguimento foi do 43,6% na provincia de Pontevedra; do 43,06% na de Ourense; do 30,85% na da Coruña; e do 28,29% na de Lugo.

A Consellería de Xustiza matiza que neste cálculo hai que ter en conta que 158 funcionarios non acudiron ao traballo por unha ausencia xustificada, como vacacións, asuntos particulares ou días de libranza, mentres que 775 cumpriron na súa totalidade os servizos mínimos.

Pola súa banda, os sindicatos falan dun seguimento do 90% en Pontevedra; do 89% en Vigo; 88% en Santiago; do 87% en Ourense; e do 80% tanto en Ferrol como en Lugo, mentres que na cidade da Coruña este xoves é festivo.

O comité de folga e os representantes da Xunta volverán sentar este venres para retomar as negociacións e tentar desbloquear un conflito que xa supera o mes de duración e que paralizou xulgados e rexistros civís galegos.

Durante a xornada deste xoves, segundo informaron a Europa Press fontes sindicais, non se produciu ningún contacto entre as partes, á espera de que este venres ao mediodía teña lugar o novo encontro na Escola Galega de Administración Pública.

A SECRETARIA XERAL TÉCNICA SUMARASE Á NEGOCIACIÓN


Para esta cita, o comité reclamara a presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen con todo condicionou a súa presenza na mesa negociadora a que suspendese o paro, unha esixencia que os sindicatos rexeitan.

En todo caso, en atención ao reclamo de novos interlocutores, fontes da Xunta consultadas por Europa Press avanzaron que no próximo encontro sumarase á delegación do Goberno a secretaria xeral técnica de Vicepresidencia, Beatriz Cuíña.

Nela está previsto que participen tamén, como nos encontros previos, os directores xerais de Xustiza, Juan José Martín, e de Función Pública, José María Barreiro, do mesmo xeito que os subdirectores de ambos os departamentos. A Xunta, que ata hai uns días mantiña que a oferta económica era inamovible, móstrase agora, en cambio, disposta a abordar "todos" os temas.

PROPOSTAS ATA AGORA SOBRE A MESA


Ata agora, Rueda defendeu que se accede "ao que querían os sindicatos" nas demandas relativas a consolidación de emprego, amortización de prazas e substitución de compañeiros de rango superior.

En canto ás baixas por incapacidade temporal (IT) e a discriminación que denuncia o comité de folga polos descontos, a Administración comprometeuse a trasladar as condicións "máis vantaxosas" que se acorden en Madrid, para traballadores de xustiza e "o resto de empregados públicos galegos".

Sobre a oferta económica, tradúcese nunha subida do complemento autonómico transitorio de entre 816 e 1.080 euros ao ano en dúas anualidades (2019 e 2020). A Xunta defende que este incremento situaría aos funcionarios galegos "por encima da media" do conxunto de comunidades.

Pola súa banda, os sindicatos discrepan en que haxa acordo nos puntos que sinala a Xunta, á que acusan de "manipular táboas e nóminas", e reivindican unha subida lineal de 225 euros ao mes para aplicar en tres anualidades desde este ano 2018 e para todos os corpos. A Xunta sostén que, a subida de "2.700 euros ao ano" por traballador  é "inasumible" para as arcas públicas.

Os sindicatos remítense a unha iniciativa aprobada por unanimidade na Cámara autonómica, que apela a situar ao colectivo "da metade para arriba" na táboa salarial das comunidades coa competencia transferida, e reclaman que "se cumpra o mandato parlamentario".

relacionada Xunta e sindicatos tentarán desbloquear a folga da Xustiza sen Rueda
relacionada Reunión para "pechar o conflito de xustiza" o mércores
relacionada A Xunta quere que suspendan a folga da Xustiza mentres se negocia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE