​O Pino, Galicia: o bo camiño

​Xosé Luís Santos Cabanas

Xosé Luís Santos Cabanas é un escritor galego de narrativa e poesía, membro de varias asociacións como Oliveira de Teo e as Redes Escarlata.

Unha desas compañías que parece ter detrás un nome xa histórico, Riotinto, aínda que hogano esteamos a falar dunha empresa tan moderna que ten razón social variábel e que non se sabe nin de onde é, xa que estes negociantes da globalización son tan cosmopolitas que sitúan o seu enderezo fiscal onde lles cadre (e os cartos ninguén sabe onde), presenta un proxecto que, entre outras obras, inclúe a construción de dúas balsas, para despois enchelas de residuos contaminantes. O que se coñece sobre esta empresa explícao moi ben o escritor Xurxo Borrazás neste artigo de hai uns días.


Adega minas touro


O primeiro destes depósitos estaría a 250 m das casas de Arinteiro, parroquia de Loxo, concello de Touro. O segundo, un pouco máis cerca, a 200 m do mesmo lugar. Un muro de case tres quilómetros (2867 m) tería este. O outro, algo máis dos 3 quilómetros (3187 m). As alturas dos muros van dos 55 aos 81 metros.


A quen lle sorprenda esta idea de deitar nas balsas produtos químicos que son irritantes, tóxicos, alerxénicos, nocivos para as persoas, sospeitosos de causar cancro, malos para os animais acuáticos, etc, segundo nos explican os científicos da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), sempre se lle pode propoñer, para demostrarlle que Galicia anda polo bo camiño (non di así o anagrama da Xunta?), que repare neste proxecto de aldea galega con dous impoñentes muros a cada lado, aínda máis altos que os que separan México de Estados Unidos ou Marrocos de Ceuta e Melilla. Non se podería turrar do turismo de calidade con estes monumentos que a empresa mineira quere construír? Ademais, o Camiño de Santiago tamén non está tan lonxe.


Sospeito que haberá persoas críticas, a quen lles pareza unha esaxeración facer tal propaganda da contaminación, mais a estas poderiamos recordarlles que, aló polo ano 2002, as miles de toneladas do chapapote que o petroleiro Prestige guindou no noso mar, foron descritas do seguinte xeito, e copio textualmente: “unos pequeños hilitos, cuatro en concreto, regueros solidificados con aspecto de plastilina”.


Houbo a aquela altura quen non podía acreditar no que estaba a escoitar en directo nunha rolda de prensa. Mais que ninguén ría, que o señor que dun xeito tan gráfico explicou aquela marea negra, chegou uns anos máis adiante a presidente do Goberno Español.


As pretensións da empresa son extraer cobre. Para iso destruiría cerca das 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais, e os espazos destinados a depósito de residuos, como as balsas das que se falou, ocuparían unha extensión igual que a de 300 estadios de fútbol como o Bernabeu. Aseguran os técnicos da empresa que deste xeito se revertería a perda de poboación da comarca, tal como acontece no Concejo de Belmonte de Asturias, onde funcionan explotacións mineiras destas características.


Teñen unha severa confusión estes señores de Riotinto ou como se chame a organización que lles paga, pois ese concejo de Belmonte sofre unha importante perda de poboación (desde que hai explotacións mineiras, moito máis alta que a dos concellos limítrofes), e as súas taxas de decrecemento duplican ás dos concellos de Touro, O Pino e Arzúa, que melloraron bastante neste aspecto desde que pechou a mina que funcionou na bisbarra entre os anos 1972 e 1986. Mais non pretendo aborrecer a lectoras e lectores con datos. Quen teña curiosidade pode achegarse a este escrito de alegacións da citada SGHN. .


Nese mesmo informe científico da SGHN, explican que, a menos dun quilómetro da explotación, encóntranse 20 núcleos de poboación, unha gardería, unha residencia da terceira idade, unha piscina municipal, o centro de interpretación do Río Ulla, o centro de Protección Civil. Se estes empresarios multinacionais puxesen a mina a funcionar, as persoas que andasen por alí ían percibir o ruído e o tremor das voaduras con explosivos. Calcúlanse seis diarias os sete días da semana.

Con esa música mineira de fondo, non sei se sería moi doado argallar contos para atraer turismo ou progreso á comarca, aínda que non falásemos da desaparición de mananciais que hoxe levan auga a veciños e a explotacións gandeiras, do risco real de que se perdan vidas humanas, do grave perigo que estas explotacións mineiras a ceo aberto supoñen para a vida do mexillón do río e outras especies animais, que son algunha das graves ameazas medioambientais que pairan, como o miñato por riba do galiñeiro, sobre daquelas terras da ribeira do Ulla e non só.


Se pensamos en que este noso fermoso río leva as súas augas cara á Ría de Arousa, podemos volver citar ao mesmo home que falou dos “hilillos de plastilina”, quen o 21 de novembro de 2002 asegurou, serio e solemne: “La marea no va a llegar a las Rías Bajas”. Quince días máis tarde, o chapapote estaba na boca da ría de Arousa.


Mais non entrou. Mariscadores, mariscadoras, mariñeiros, voluntarias, voluntarios... autoorganizáronse e impedírono: Galicia, o bo camiño. Non sei se me explico. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial
Powered by Bigpress