​Estes son os concellos máis transparentes de Galicia (e os que menos)

|

Un concello dunha vila de tamaño medio, Redondela, é o máis transparente de Galicia. Así o reflicte o índice Dynamic Transparency Index (Dyntra), unha rede colaborativa de “medición e xestión do goberno aberto” , referente en avaliar o que vén coñecendo como “gobernos abertos”.



Alcalde2018


Redondela, 29.000 habitantes, cun 69.7% de indicadores conseguidos vence a todas as grandes cidades, cuxos gobernos locais en teoría teñen máis recursos. Iso si, ándanlle preto A Coruña (segunda posición, 64.45%) e Pontevedra (terceira posición, 63.82%).


Vigo (55.9), Ourense (55.2), Lugo (53.2) e Ferrol sitúanse por encima do aprobado, raspado, pero aprobado. O de Santiago de Compostela é o único concello urbano que suspende (41%).


No furgón de cola, con paupérrimas notas, viaxan penúltimo Tui (8.5) e último O Porriño (6.5). Claro que Dyntra ten avaliado pouco máis de 30 de entre os máis de 300 concellos do país, sobre todo cidades e vilas, polo que é probable que administracións máis pequenas obteñan, cando sexan analizadas, peores notas.


Que mide Dyntra? A plataforma presume de avaliar 147 indicadores agrupados en seis categorías: Transparencia Municipal; Participación e Colaboración Cidadá; Transparencia Económico-Financeira; Transparencia na Contratación de Servizos; Transparencia en materia de Urbanismo e Obras Públicas; e Open Data.


Por exemplo, no número 1, Redondela, podemos consultar as retribucións de todos e cada un dos membros do pleno. Desde os 45.000 euros/ano do alcalde Javier Bas ata os 5.100 euros dos concelleiros sen responsabilidades de goberno ou portavocías. Por poder coñecer, mesmo podemos consultar exemplos de nóminas completas das asesoras de confianza da alcaldía, que andan polos 1.600 euros líquidos ao mes.


Dyntra defínese como unha rede "non partidista e obxectiva" e entre os seus colaboradores figura a Universidade de Santiago; aínda que tamén é certo que como colaboradores aparecen algunhas das propias administracións avaliadas. Por exemplo, a Deputación de Ourense, número 1 entre os gobernos provinciais de España, ou o Concello de Ourense. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial
Powered by Bigpress